viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

Os fondos Next Generation

As primeiras leccións de Política Económica que aprendemos na Facultade de CC. Económicas non podían esquecer os Plans de desenvolvemento económico do franquismo dirixidos polos ministros e técnicos do Opus Dei, os Planes de Desarrollo económico y social de 1964 en diante. Á parte da súa natureza de planificación indicativa, é de lembrar nesta ocasión a súa agonía/fracaso debido ao que ironicamente poderíamos denominar morrer de éxito. Mesmo sendo plans indicativos, non foi ben valorado, tanto polos observadores e técnicos españois como por técnicos extranxeiros, que, na rendición de contas do seu percurso, se argumentase que se ultrapasaran con creces os obxectivos marcados. Se eran plans, non deberían sobrepasar os obxectivos marcados e moito menos dicer que iso constituía un éxito. A liña condutora dun plan económico consiste en se guiar firmemente polo camiño de crecemento marcado no mesmo, xa que se sobreentende que todo —en economía— está relacionado de forma estrutural, e os avanzos dun sector non poden ser sostidos sen base do crecemento dos que están interrelacionados. A última nova aparecida nos meios de comunicación con orixe informativa na Presidencia da Xunta cita a existencia de 354 proxectos cun investimento previsto de 19.698 millóns de euros para presentar ao goberno central e optar aos fondos Next Generation EU. Competirán cos que presente, avale ou dirixa o proprio goberno central ou outras autonomías. E dicemos novidade porque desde novembro pasado (había 108 proxectos, nunca se soubo cales) e en sucesivos anuncios en rodas de prensa —non en sede parlamentar nen como documento da Xunta— temos asistido a un plan propagandístico con anuncios cada vez máis aparentes pero totalmente carentes de sostén elementar nun proxecto de goberno. Non é sostíbel en racionalidade económica, porque non é compatíbel —non se levan ben— a propaganda, a fantasía, as ilusións ou os desexos coas necesidades de goberno e de reindustrialización da economía dun país —o noso— duramente atacado pola crise económica pandemiosa. Nacidos no seo da UE, os fondos Next Generation EU terán como destino o investimento en industrias que cumpran unha serie (bastante ampla) de requisitos, e a misión esperábel da Xunta de Galiza era elaborar un proxecto íntegro que recollese as necesidades de reindustrializar subsectores en crise e/ou robustecer industrias existentes con bon resultado. O deseño organizado en forma e corpo de proxecto dun goberno, neste caso o autonómico, tería a vantaxe interna de aunar esforzos privados e públicos galegos; así mesmo, debería contribuír á racionalización do uso dos fondos de investimento e non incitar ás empresas á competiren en desigualdade de oportunidades con proxectos avalados por gobernos autonómicos, outros do proprio goberno central e outros de compañías máis poderosas que o goberno galego. Xa que a Xunta ten competencias exclusivas en industria debería elaborar e defender un plan de investimentos proprio, non servir de canle burocrática para canalizar proxectos, e que o goberno central decida. Vai ser unha ocasión perdida de conseguir financiamento para industrias enriquecedoras do tecido empresarial do país e, por tanto, creadoras de emprego aquí.

Os fondos Next Generation
Comentarios
ç