Opinión

Formas de levar a máscara

Parece ser que se entendeu que a obrigatoriedade de levar máscara non foi ben asimilada, é dicer ben entendida, polas boas xentes en xeral. É unha dedución, tras observar as distintas modalidades de colocación dos ditos aditamentos hixiénico-protectores. Hai algúns condutores de auto que en solitario levan permanentemente posta a máscara. Está ben, xa que ás veces os gases de combustión dos vehículos que utilizamos non están o suficientemente ben filtrados.

Mesmo se pode converter nun uso adicional: se vostede observa que ao pór a calefacción no seu coche entran gases do auto que o precede na fila do semáforo, poña máscara e non fai falla revisar o coche. Outro uso sobreprotector -non sabemos se inútil- é o de dobre máscara: unha das chamadas cirúrxicas e por riba outra de deseño de vangarda (nunca mellor dito o de vangarda). É desexábel non perder a moda nen con pandemia. O que é unha incognita é canto tempo de uso terán unha e outra, mais iso xa corresponde ao departamento de Estado de revisión de hixiene de máscaras e a súa destrución. Hai, non obstante, outros modos de levar a máscara que xa corresponderían á sección librepensadora/libreinterpretadora da sociedade. Fixemos unha enumeración sen pretensión de exhaustividade, por ser esta demasiado ambiciosa:

1. En cara tapando boca e por baixo do nariz: convén que se ventile por si propria.

2. En boca e nariz con ventilación lateral asistida

3. En boca, nariz e ollos: o de menos é ver ben, con tal de protexer os ollos

4. No queixo como tapadeira: face feminina, face masculina con barba etc.; é interesante que a exudación da zona se deposite na máscara, así queda ben limpa

5. De pulseira no antebrazo

6. No peto xunto ao pano dos mocos

7. Colgada da orella como un aro ben longo

8. De colar mesmo cun enganche deseño/xoia pérolas, pedras semipreciosas...

9. No brazo a modo de manga postiza

10. No bolso da señora.

11. No cimo da cabeza estilo veraneante de ‘chanchencho’.

12. Sen máscara, aproveitando que se fuma.

Estas diferentes modalidades son indicativas da creatividade popular. Postos a idear novos usos dun elemento que naceu exclusivamente para facer de barreira nas interaccións persoais e evitar o intercambio de ar exhalado ou inhalado por humanos, entendeuse (pensamos a modo de interpretación) que se impuxo o seu uso para tapar a cara ás veces e sen nengún sentido da súa finalidade. Certo que oficialmente contribuíron a mesturar mensaxes con base científica (o uso preventivo para o portador e nas súas interacción físicas directas) con outras de pura comenencia: non é necesario usar máscara, díxose, non vale para nada (no momento en que no mercado non había máscaras para subministrar con normalidade no mercado español).

As opinións de contertulios e conselleiros de conduta que andan na tele non son -ou non deberían cumprir esa función- os prescritores de conduta saudábeis, ou simplesmente hixiénicas. Neste caso, como noutros de cultura xeral da saúde, andamos, socialmente falando, ben escasos.

Comentarios