lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Hábitos vellos e outros novos

Hai unha serie de novidades nos novos hábitos da vida de relación social que probabelmente chegaron para non desapareceren. Agora que se pode tomar un café fóra de casa, é moi común, por non dicer universal, que sirvan esa bebida e non haxa servilletas. É tamén cando se consome calquer outra bebida. O porqué é totalmente descoñecido. Por moi sobado que estexa o portaservilletas é probábel que non transmita nengunha enfermidade, salvo a de se anoxar por falta de limpeza. É case universal que desapareceran as cartas escritas dos restaurantes. Tamén é un misterio a causa: ou é que antes nunca se limpaban? É unha admisión implícita da existencia de porcaría incontrolada.

É tamén normal que haxa unha profusión de xel hidroalcóholico para todo rego e aspersión e, non obstante, séguese tocando coas mesmas mans o diñeiro, as terminais de cobro con tarxeta e os alimentos vendidos, sexa en supermercado ou en bares e restaurantes. Dos supermercados desapareceron as luvas obrigatorias a usuarios e dependentes, salvo para a froita. Das cafetarías desapareceron case totalmente os xornais. Motivo? Que non se lean (efeito secundario da epidemia), contribuír ás súas menores vendas, aforrar o custo da subscrición? Porque se se tratar de evitar infestación, nunca se puido demostrar que alguén se tivera contaxiado fisicamente por ler un xornal, dous ou mesmo tres.

Unha vez coñecida a evidencia científica de transmisión do virus por aerosois, non vexo que se derive vantaxe algunha de ter que levar individualmente panos de papel para ir tomar un café e se limpar antes de volver enfundar a máscara. Certo é que o posíbel aforro que supón para o pequeno empresario de hostalaría non proporcionar servilletas vén máis que superado polo gasto desaforado en xel hidroalcóholico, que anda a todo, tal que auga bendita, convertendo o oficiante en dono dun hisopo da era tecnolóxica. Que vantaxe se deriva de que nun restaurante non haxa carta en papel e non se saiba nada en absoluto das condicións de renovación do ar acondicionado? Que é máis seguro: ver a carta coa aplicación do teu móbil ou ter garantía de que os filtros do ar acondicionado son cambiados en tempo e forma e que en todo caso filtran o que haxa que filtrar no referido a virus e bacterias?

Como é posíbel que para entrar no gabinete dun dentista, cumpridor das medidas de seguridade e hixiene nesta época, haxa que pasar todo tipo de controis e gardar medidas hixiénicas estritas, e para se vacinar nen sequer se mida a temperatura dos concorrentes? Non hai ninguén nos corredores escuros dalgún centro de vacinación limpando as cadeiras despois de se sentar centos de persoas ao longo do día. Non se observaba tampouco que exista ventilación algunha, nen pausas para levala a cabo. As normas de estrito cumprimento de separación, ventilación e uso de hidroxel semella que só son no ámbito privado para limpar algo do que se ve, mentras que no ámbito sanitario, nos edificios da sanidade, o virus non entra, porque xa sabe que está prohibido.

Hábitos vellos e outros novos
Comentarios
ç