Opinión

Hai máis asuntos que a pandemia?

China, India e Rusiagarantizan vacinas aínda que haxa que buscar a mercadoríafóra dos circuitos que iniciou a UE

SÍ, ase veramos con total seguridade. Outra cuestión é que o interese público se incline maioritariamente cara os temas que son tratados profusamente nos medios de comunicación e entre eles levan a palma os da tele, que en todo o seu esplendor podemos comparalo ao furor nos campos de deportes de masas ou ao que imaxinamos que foi o circo no Imperio romano. O último tema en arrasar, por audiencia, foi o dunha rapaza maltratada filla dunha cantante e exesposa dun garda civil expulsado do corpo. Ía dicir que só faltaba o toureiro no espectaculo, pero tamén hai. É un elenco completo para traxedia española. Se nos fixamos no tema ‘vacinas’ o foco da cuestión está posto sempre no futuro: van chegar, vanse vacinar… Hai un plan de inoculación primeiro por idades, logo por grupos de risco, despois por idades e risco, a seguir sen risco nin idade e finalmente desde o primeiro día a hoxe, máis de tres meses, hai en Galiza 144.541 persoas vacinadas. Tendo en conta que só maiores de 80 anos hai 234.302 (Instituto Galego de Estatística, a data 1 de xaneiro deste ano), algo non foi ben feito. A inmunidade que se agardaba grazas á vacina non vai ser posíbel nun período de meses.

E xa que falamos de vacina, debemos indagar onde está o núcleo do problema, porque estamos certos que non é falta de vontade de vacinar, nin falta de recursos —nunca se dixo non temos con que pagar— nin sequera falta de persoal a pesares da precariedade evidente no persoal sanitario. É que non chegan os viais para inocular. Non hai vacinas. A secuencia de mercado foi como segue: a UE comprou e pagou vacinas a catro farmacéuticas: AstraZeneca (que acaba de cambiar de nome para disimular as sospeitas, agora é Vaxzvreia), Pfizer, Moderna e recentemente a de Johnson and Johnson (Janssen). A Unión Europea non soubo mercar ben porque non logrou que fose subministrada coa velocidade esixida polo tamaño, idade e riscos existentes en Europa. Anunciou antes de tempo o éxito da negociación da compra das vacinas e agora a frustación e a rotura institucional existente é de tal degrau que a vergoña non ten remate. Baixo o paraugas institucional comunitario, o Estado español, tímido no seu respecto ás institucións comunitarias —ten uns outros problemas moi importantes como para poñerse a esixir— non levou a cabo até hai uns días ningún tipo de negociación con outros fabricantes/provedores.

Á fin o que importa no mercado é o acceso, a garantía de subministro, a calidade recoñecida do produto e finalmente a súa dispoñibilidade en tempo pactado. China, India e Rusia fabrican, venden e garantizan vacinas aínda que haxa que buscar a mercadoría fóra dos circuítos que iniciou a Unión. Primeiro Hungría e despois os grandes estados, entre eles España, están negociando con algún deses provedores citados que non son europeos, nin norteamericanos. A lei de mercado é inexorábel, e parece un mal chiste constatar que a gran potencia mundial que é a UE foi suxeito dunha mala xogada.

Comentarios