Opinión

Hai mobilidade interautonomías?

H Ai, e moi to máis do que parece. As princesas, as ‘influencers’, as nais de artistas, as fillas do mesmo gremio (por certo, sen citar as relacións de traballo que o xustificarían) móvense polo territorio do Estado dun lado para outro e mesmo ás veces sobardando os límites xeográficos que puxo o mar: o amor filial non ten fronteiras, como dixeron as irmás do rei actual. De todas as maneiras, coas decisións tomadas de cerramento perimetral entre autonomías, parece que se logrou a finalidade buscada, na política antipandemia, que non é outra que impedir o colapso das unidades de Uci dedicadas a enfermos covid-19. A información das accións gobernamentais teñen deixado moi ás claras cal é o obxectivo perseguido para controlar a pandemia: evitar que os usos de camas especializadas en tratamentos de coidados intensivos e coa asistencia requerida pola infección do virus, evidenciasen incapacidade de asistencia. Visto que non se coñecía case que nada da enfermidade provocada polo virus, nen os grupos de síntomas posíbeis, nen a maneira certa da súa evitación nen a forma segura de impedir a extensión dos contaxios, mesmo non se sabía nada de posibeis meios curativos, optouse por evitar o escándalo da masificación hospitalaria. Houbo outros lugares onde si houbo masificación, como foron as residencias de anciáns, pero ata que esta sociedade dea mostras dun grao de madureza superior ao actual, nen sequer saberemos o que pasou nelas: por falta de investigación, de luz e de transparencia. Si nos consta o número de mortos: na Galiza o 40% das mortes ocorridas con orixe no covid-19 foron nas residencias. Esta aseveración é igual que dicer que o 40% de mortes covid-19 non atoaron o sistema hospitalario. Mesmo é lexítimo opinar que —en parte— optouse pola seguridade dos hospitais abandonando as residencias ao seu destino, ou ao azar, da voluntariedade de mulleres traballadoras con espírito heroico e sen límite de entrega. Cando se escriba a historia e a microhistoria desta pandemia, aparecerán os casos de heroínas tanto en centros hospitalarios como en residencias de anciáns ou en centros de dependentes que salvaron unha situación case catastrófica, grazas a unha entrega e capacidade de sacrificio sen semellanza. E, porén, e non por razóns xustificadas de realización de traballo, hai, e houbo en pleno confinamento, xentes que utilizaron (descoñecemos con que dereito) posibilidades de desprazamentos que non alcanzamos o común dos mortais. Un caso ben coñecido, porque quedou ao descoberto, foi a viaxe das irmás do rei a Abu Dabi. Foron nun desprazamento do que poderíamos chamar turismo de vacina. Foron —seica— ver o seu pai, para [sic] observar como lle sentou de menos ben a vacina e, de paso, e por estar de oferta, tamén se vacinan. Estupendo. Non é en absoluto criticábel. Non sei por que se cita, tan sequer. Ou ben os temas realmente preocupantes xa están solucionados, como, por exemplo, a enorme crise económica que temos enriba (?) ou hai que se divertir con títeres que, envolvidos en roupa de gasas de diversas cores, serven para a distracción.

Comentarios