Opinión

É hora de crear emprego

Unha vez levantado o estado de alarma, e en espera da normalización de todas as actividades económicas, é certo que se teñen creado expectativas dunha nova época, tanto na vida económica como nas restantes relacións humanas. No campo económico o temor á caída/ desaparición da senda do crecemento xera á súa vez peores posibilidades no presente que no momento duro do confinamento. Por esa razón, este é o momento para tomar medidas de política económica creadoras de emprego novo. Pódese levar a cabo un gasto público tanto de consumo como de investimento non suxeito aos corsés do pasado próximo e pódese facer, coa lexitimidade que a crise ocasionou, para tomar decisións novidosas. 

Unha parte do emprego novo debería ser público. Quedou en evidencia que os servizos públicos esenciais, como é a sanidade adoeceron de falta de persoal: os cuadros de persoal sanitario público precisan dunha folgura inexistente. Non se pode, nen se debe, traballar nun segmento de actividade con risco con cuadros de persoal no límite dunha economía de guerra. No caso do ensino sucede outro tanto. Na sanidade e no ensino usouse como propaganda dos servizos públicos gastos aplicados que non redundaron en absoluto nas melloras dos cuadros de persoal. Máis ben ao contrario: houbo desde 2007 unha sangría desvitalizadora do persoal necesario para cumprir coas necesidades de servizo público, e agora preséntase o momento de cobrir postos amortizados e deseñar novos postos imprescindíbeis. Facer un estacionamento dun hospital non é mellorar a sanidade pública: iso en todo caso é negocio para a construtora pero os utentes non tiran mellora algunha en saúde. Iso foi no mellor dos caso o que se investiu no capítulo aplicado á sanidade mentres se contrataba aos profesionais por días ou por horas. 

Os servizos públicos sinalados non esgotan o emprego público. O só feito de converter a asistencia social en dereito, non en caridade, obrigaría a creación dun segmento da actividade pública de asistencia en calquera das súas modalidades —en domicilio, en comunidades voluntarias, en residencias…— ás persoas non activas que por razóns de idade de dependencia ou de necesidade manifesta. Non é só cuestión de dereitos: é vergoña que a potencia décimo cuarta mundial (España) haberá pasar polos xulgados para resolver denuncias de delito por razóns do trato das persoas internadas en residencias. 

É preciso, para contar con ingresos públicos novos, realizar dúas accións fundamentais: atopar novas vías recadatorias que non aumenten a pobreza: cobrar máis ás rendas máis altas e aos patrimonios máis potentes e loitar en serio contra a fraude fiscal. Mesmo non citamos a busca de mecanismos correctores da elusión fiscal porque neste aspecto non se pode de momento contar coa UE . E, finalmente, pero non último é indispensábel , de paso, que se debera abandonar por parte dos partidos estatais, o madrileñocentrismo, pórse en serio a pensar nunha reforma administrativa das institucións españolas —empezando pola Constitución— para adecuar ás necesidades económicas actuais a composición das entidades locais, provinciais e autonómicas para que, en lugar de pechas ao crecemento, sexan axentes úteis.

Comentarios