Opinión

Igualdades, mulleres e violencia (I)

LIN NESTE xornal que interveu a Garda Civil nunha empresa de Castroverde por suposta explotación laboral de mulleres. Cantos feitos como este haberá que non se coñecen...

É imposíbel non se perguntar polo significado da palabra ‘igualdade’, cada vez que se usa en voz pública, pola sinxela razón —cuase matemática— de que lle falta o segundo termo da igualdade. Dáse por suposta igualdade das mulleres aos homes, mais foi cambiando de sentido e de contido co paso do tempo. O que era unha evidencia en asuntos de dereitos civís na época das sufraxistas, nomeadamente do ámbito cultural e político anglosaxón, non tivo nunca contido na realidade legal do Estado español até a República e, naquel momento, o sufraxismo xa pasara. Eran outros tempos. As mulleres republicanas españolas loitaron polo dereito ao voto, ao divorcio, á plenitude dos dereitos civís e laborais para as mulleres, e lograron grandes avances en dereitos legais, mais non houbo tempo para máis: en cinco anos acabouse. No final do franquismo, volta a empezar e, dadas as circunstancias, mesmo os responsábeis políticos da esquerda consideraban que había problemas máis importantes na axenda política que os da igualdade das mulleres. Pero o propio tempo histórico —co empuxe activo das mulleres concienciadas— converteu en inconcebíbeis certos atavismos: ao pouco tempo de morrer Franco, apróbase a lei do divorcio, a reforma do dereito de familia do Código Civil... e tantas outras no plano laboral, que trataron de equiparar na lei os dereitos das mulleres en tanto que suxeitos civís en toda a regra. E xa van corenta anos. E seguimos identificando realidade social con realidade legal. Por desgraza ou por idiosincrasia da democracia española hai leis que son un pouco de adorno e outras que, porén, son para cumprir si ou si. Por exemplo, a obrigatoriedade de pagar impostos —coa sacra excepción do rei emérito— é universal, tanto na lexislación española como nos feitos coñecidos. Pareceranos máis ou menos xusta a distribución da obriga de render contas á Facenda mais é incuestionábel que hai que pagar, e págase. Vaia se se paga, e se non que llelo perguntasen a Lola Flores e a Isabel Pantoja. Mais hai outras leis das que se pode facer burla total e ninguén se preocupa, mesmo cando son as proprias institucións públicas as autoras de bordear o seu acatamento. Unha institución pública que coñezo ben, de ensino superior, elude contratar profesorado substituto en caso de parto dunha profesora, convocando a praza despois do parto, co que o prazo de catro meses non chega para resolver o concurso; resultado: os colegas do departamento dan as clases da compañeira. Normalmente fican encantados de contribuír a cobriren os dereitos da recente nai. Séntense copartícipes do parto. Isto é un logro que a lei non buscaba. Tamén lle comunican que, mentres isto seguir así, teña a ben ter os futuros nenos en período de vacacións. Cantos despedimentos nulos ten anulado o Tribunal Supremo por despedir mulleres grávidas? Cantas das despedidas tiveron forza e medios para denunciar? Séguense de oficio estes casos igual que no pago de impostos? (Continuará).

Comentarios