martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Importan os vellos? (e IV)

O SÓ FEITO de considerar os dereitos dos cidadáns parcelados por idades, por xénero, ou por calquer outra clasificación quer dicer que se confunde a atribución de dereitos coa situación social relativa que se ocupa. Esta cuestión entraña un dobre perigo. Por unha parte, pódese esquecer algún sector social ou etapa de vida en que ao lexislador non se lle ocorreu cavilar, e, por outra, o erro de simplificación inxusta, de considerar que se cumpre na realidade o desexo de que todos son iguais ante a lei.

Así por exemplo —sempre buscamos na historia apoio—, aos revolucionarios franceses, da Revolución que cambiou Occidente, 'esquecéronlles' as mulleres (máis da metade da humanidade) ao definir o ámbito social de inclusión dos dereitos dos seres humanos. Aínda hai hoxe mulleres que están reivindicando para si mesmas os dereitos declarados dos homes naquel lonxíncuo ano de 1789. E, na nosa realidade, aínda é ben recente a declaración legal, e práctica social obrigatoria, do dereito ao ensino de todos os nenos.

Os dereitos dos vellos pasarán, por tanto, por unha época de reivindicación e posterior logro dun recoñecemento social e legal que garanta a satisfacción das súas necesidades como seres humanos, independentemente da súa pertenza á clase dos pudentes ou dos empobrecidos. As alternativas ao trato legal e social dos vellos deberá ser un logro da consecución dun dereito contra o abandono, a reclusión ou a ocultación, tal e como se fai aínda hoxe.

Precisamos que a categoría social 'vellos' pase a ocupar o mesmo lugar social que lle corresponde por lei e trato aos nenos. Todos os seres humanos que sobreviven á madureza chegan a vellos e deben ter a mesma consideración social como seres humanos que cando estaban sendo considerados úteis, economicamente falando. Precísase que haxa un cambio legal adecuado ao recoñecemento dos dereitos dos vellos a unha vida digna, e apontamos directamente á responsabilidade política dos gobernantes.

Os cambios sociais desta envergadura non son espontáneos. Converter as boas intención en dereitos esixe un cambio legal acompañado dalgúns cambios económicos imprescindíbeis para garantir os dereitos humanos na idade forte. En primeiro lugar, é preciso abordar unha mudanza total no sistema de pensións. É imposíbel imaxinar —sequer— que existan no futuro próximo, co sistema actual de reparto, fondos para pagar pensións; se a precariedade, os baixos salarios, a falta de longos períodos de cotización son males endémicos do mercado laboral español: onde nacen os fondos para pensións? Só facer esta pergunta é unha fonte de violencia social para os xubilados actuais e futuros, e tamén un problema económico que hai que resolver.

A relación de mal traballo hoxe con mal futuro xubilado é evidente. Solución: pasar a un sistema de capitalización dos fondos para pensións ou mudar radicalmente a precariedade do mercado laboral (o que sexa máis doado). E segundo nível: crear un sistema social e público de asistencia en domicilio, así como centros de saúde específicos para vellos enfermos —temporal ou de forma irreversíbel—, xa que as residencias non cumpren esa función e os centros hospitalarios tampouco son adecuados para a mesma.

Importan os vellos? (e IV)
Comentarios
ç