Opinión

Industria chinesa e nós (I)

O FEITO DE producir o propio, o necesario para soster un nivel de vida digno para todo un país —sexa este o noso ou un Estado dos que compoñen a Unión Europea— requere ter produción propia. Dito así parece unha obviedade pero deixou de selo hai xa algún tempo. A deslocalización da produción ten significado un grande aforro de custos tanto para as grandes compañías transnacionais como para as pequenas empresas que atoparon no aforro salarial unha especie de táboa de salvación antes de vérense varridas pola competencia esmagadora das grandes.

Sucede, non obstante, que cada proceso económico non é en si mesmo exclusivamente beneficioso ou prexudicial. Digamos —como diría o enterrado (no seu país) camarada Mao— eses procesos de produción levan en si mesmos a semente contraditoria da destrución. Producen e destrúen ao mesmo tempo aínda que poida ser en economías distintas. Así, por exemplo, se uns famosos coitelos de marca e identificación españolas ( até os nomean nas operetas europeas ambientadas na España cañí) se fabrican en China, pasado certo tempo en que se esquezan as habilidades propias da coitelaría da zona orixinaria, en que desaparezan as industrias auxiliares criadas no seu entorno, en que teñan tamén desaparecido os servizos vinculados á produción propia, chegado o momento no que o capital empregado pase de mans e atope outro negocio máis rendíbel, desaparecerán marca, modelo e produto, e con eles toda a cadea de capital produtivo que deu vida, traballo e futuro a toda unha comarca, abocada desde ese momento á emigración ou a formar parte como man de obra barata e sen medios de promoción dun parque temático deses para turistas con poucas esixencias.

Podemos cambiar os coitelos por roupa, por baterías de cociña, por buques, ou —e aquí está o problema do futuro— ‘stents’ coronarios, bombas de insulina, reemprazos de cadeira, iluminación ‘intelixente’ de grandes infraestruturas... O problema está en que cada perda de capacidade produtiva propia, na nosa economía, arrastra as caídas consecuentes de todo o aparato produtivo conectado con cada investimento produtivo. Non é pouco penoso ver como emigran os nosos mozos. Pero a perda silente de capacidade produtiva que se acompaña de cada produto ‘made in China’ é unha evidencia en ciencia económica.

Non é cuestión de chauvinismo económico, nen de preferencias persoais , nen de gosto: é unha cuestión de sobrevivencia, de futuro. Quen produce ten a chave do futuro: controla o presente e do seu saber facer e producir derívase a fonte de crecemento económico continuo. Deixar de producir o propio é como encargarlle a alguén que dirixa a nosa vida. Xa sabemos como acaba isto. Por norma xeral, salvo invalidez permanente, bastante mal. Dicíamos a semana pasada que China medraba na súa industria en taxas superiores ao 5%. Os Estados Unidos tampouco deixaron de medrar desde 2009 e, porén, as potencias industriais europeas, grazas entre outras cousas á política económica chosca (ou cega), non deixaron de desinvestir e decrecer industrialmente en destino certo á decaída económica.

Comentarios