Opinión

Industria chinesa e nós (II)

CALQUERA persoa galega constata, simplemente paseando, como foron pechando —nas nosas cidades e vilas— pequenos negocios que cobrían unha grande parte do sector servizos de distribución. E, non obstante, está coberta a maior parte dos locais comerciais con franquías de grandes marcas, entidades financeiras (entre elas florecen as de seguros) clínicas privadas de servizos que non cobre a Seguridade Social —ou que funcionan lentamente—, bares, bares, bares e moi pouco mais. A periferia urbana sostén pequenas tendas, algunhas prósperas e outras en declive, distribuidoras daqueles bens que teñen vantaxe na proximidade: alimentación, pequenos bazares, algunha ferraxaría, tendas de roupa, servizos persoais, algunha oficina bancaria e outra de seguros e... bares, bares, bares. Entre os desaparecidos no combate da crise están todos os distribuidores comerciais que non acadaron o nivel de sobrevivencia baixo a competencia dos grandes distribuidores concentrados maioritariamente nos centros comerciais: desde roupa de todo tipo, calzado, comida lixo, cines, tendas de telefonía móbil (van cambiando de marca co paso dos meses) algún bar de centro comercial tamén franquiciado, xoguetes internacionais e pouco mais. Outros damnificados son os relacionados co auxe entolecido da construción de vivendas: desde auxiliares da construción até tendas de decoración e mobilia víronse afectados desde hai xa máis de 7 anos polo estourido do balón (inflado) inmobiliario. Esta observación empírica complétase coa listaxe de empresas desaparecidas pertencentes directamente aos sectores produtivos: desde granxas de gando vacún, porcino, avícola, cuní- cola, pasando pola caída de unidades empresariais pesqueiras —desde pequenas até ben grandes—, seguindo pola produción industrial de todo tipo de bens necesarios, desde roupa até pequenas ferramentas, pasando pola industria naval e mesmo rematando polas crise das propias Cámaras de Comercio, Industria e Navegación, non hai máis que un panorama de recomposición económica caracterizado pola concentración do capital, unha nova distribución da riqueza e moito paro, emigración e desigualdade crecente. Poderíamos pensar que son fenómenos todos eles atribuíbeis á crise e son, porén, a expresión evidente dunha recomposición da estrutura produtiva, así como, da ubicación da nova capacidade industrial: son novos produtos, novos produtores, novos vendedores e tamén novo tipo de pobreza.

E, secomasí, non faltan bens: ninguén puido sentir que había escaseza de nada, só de diñeiro. Bens para mercar hai de máis, mesmo semella que sobran. Alguén segue fabricando para nós. Por exemplo, en China: traballo chinés, capital chinés, dos Estados Unidos ou de calquera potencia europea, España incluí- da. Alí se desprazaron primeiro por razóns salariais e logo foron completando un tecido produtivo moi ben imbricado na economía chinesa, hoxe en día absolutamente capitalista. Nesta etapa en China fanse todo tipo de bens. Manufacturas de industria moi madura (roupa por exemplo) até os máis elaborados bens de industria electrónica, da farmacéutica, da aeronáutica... A industria, e con ela a economía chinesa máis dinámica, forman parte da economía capitalista mundial e non unha parte precisamente pequena. O tamaño acadado pola produción, pola exportación, pola capacidade bancaria e financeira en xeral, desprazou o centro do mundo para aquel continente.

Comentarios