Opinión

Lección de humildade

HAI MOITAS formas de receber leccións de humildade. Unhas persoas teñen que verse nun xulgado citadas, para se pór en situación de vulnerabilidade, querse dicer, porque lle andan cerca a unha falta, a un delito ou a unha trapallada administrativa. Mesmo poderíase dar o caso de que os opositores políticos do atinxido/a (do seu, ou dos outros partidos), non atopando maneira de reconduciren a súa situación relativa de enfrontamento, usen os xulgados como ring para deixar fóra de xogo o/a indesexábel. Outras persoas recebemos con moita máis frecuencia leccións de humildade. Por exemplo, as mulleres, que, sen precisaren dun xefe que humille á mantenta, caso bastante mais corrente do esperábel, ao realizar un labor imprescindíbel, aínda que pouco creativo, batemos algunhas veces coa vinganza dos elementos que se nos rebelan, ou cunha enorme carga de vida propria logran poñerte no teu sitio. Mesmo podemos chamalas leccións de paciencia, pero xa sería opinábel a natureza do aprendido en cada caso. Para ilustralo vou utilizar casos concretos. Primeiro: estás dándolle de comer a unha criatura e ti, por razóns de traballo, tes certa présa; vamos, que non paras nen podes parar. O neno/a, como ser dotado dunha intelixencia como a túa e dunha sensibilidade sensorial moito maior, nota a túa ansiedade traducida en apuro e come cada vez máis a modo; ti, guiada polo tempo que vai pasando coa súa inexorabilidade, tes cada vez máis ansiedade e intentas apurar, e, nisto, a criatura fai un globo de comida na boca, tuse, expulsa o non engulido a velocidade de cruceiro e chega directamente á túa chaqueta de ir traballar, que xa tiñas vestida, para ir aforrando tempo. A secuencia a seguir xa se pode imaxinar pero remata tan mal para ti como de trunfo para o infante que aprendeu de vez un modo barato de exercer poder a través do uso do tempo de comida.

Algunhas leccións de humildade mesmo poderiamos chamalas leccións de paciencia

Outro caso que me gorenta, e non por sucedido unha soa vez, é un dos remates posíbeis da tarefa de fregado con fregona nun pequeno espazo pero cun cubo ben cargadiño de auga quente con lixivia. Hai métodos de fregado típicos de persoas perfeccionistas que mesmo pasan e repasan por unha superficie varias veces até ter certo grau de seguridade do ben fregado. Remate: quedou case perfeito. Está acabado, quedou ben, e xa podes vestir o calzado de rúa para saír. Equipada de rúa, a señora protagonista lembra que antes de coller a porta convén baleirar o cubo. Para esta función mete de novo a mopa no cubo-escorredor e apertando como se fose afogala, bota un paso en falso e cae todo o líquido da fregona (lembremos lixivia aguada) enriba dunha botas monisímas e carísimas de ante negro. Non hai a quen lle botar a culpa. Mesmo non hai culpa; diría un snob: é responsabilidade. O cubo non responde á mopa; non responde, pero a señora queda mirando os elementos anotando no seu haber unha moi boa lección de humildade, sen ir ao xulgado.

Comentarios