Opinión

Luz e Fenosa

Referíamonos hai uns días ao incidente —non infrecuente— de caída da subministración de enerxía eléctrica en varios concellos da provincia de Lugo. Os afectados directamente foron consumidores de enerxía para usos domésticos só, e tamén instalacións gandeiras, negocios de distribución comercial (entre eles gasolineiras, imprescindíbeis á súa vez para o combustíbel dos xeradores particulares), pequenas empresas de servizos, farmacias, centros de atención médica, centros de ensino... e instalacións municipais de concellos que se atoparon en situación de impotencia por non teren capacidade algunha de intervención ou de control sobre a empresa subministradora. A compañía, que foi a informante do número de usuarios afectados (6.000), é UFD —Unión Fenosa Distribución—, para o común Fenosa, porque, aínda que como empresa non se corresponde coa inicial Fenosa (desaparecida xa en 1988, formando Unión Fenosa con Unión Madrileña de Electricidade), si permaneceu nas súas distintas asociacións empresariais (ou absorcións, fusións...) vinculada á distribución de electricidade na Galiza. UFD forma parte do grupo Naturgy, nome adoptado desde a absorción de Unión Fenosa por Gas Natural. Naturgy é unha compañía multinacional con presenza en 20 mercados de todo o mundo, nalgúns con moito éxito empresarial, de forma que a maior parte do beneficio da compañía vincúlase á presenza en América Latina. O devir de Fenosa co rastro que deixou aquí de presenza inesquecíbel non ten, infelizmente, correspondencia do desfrute dun servizo da calidade esixíbel hoxe. Galiza foi a única comunidade autónoma de todo o Estado que aumentou considerabelmente o número de reclamacións ás comercializadoras de electricidade. Segundo informe da CNMC (Comisión Nacional de Mercados y de la Competencia), en 2019 formuláronse 122.220 reclamacións por mal servizo ou problemas con efeitos valorábeis. Temos a dubidosa honra de encabezar o ránking de reclamacións medidas por puntos de subministración: de cada 100, 6,9 son postos en cuestión, vía reclamación. Isto non pasa en ningunha outra comunidade autónoma e non teñen nin tiveron unha xeración de enerxía que só no caso da hidroeléctrica conlevou un destino do territorio utilizado por ocupación por Fenosa. Nas beiras dos ríos ocupados, atopamos terra cultivábel cautiva, como atopamos ríos con dedicación exclusiva a seren aproveitados para produción de enerxía eléctrica e, por tanto, incompátibel con calquera outro uso da ribeira, do caudal, da lámina de auga, e de calquera outro uso presente e futuro que puider xurdir. De feito, o país dos mil ríos de Álvaro Cunqueiro poderiamos reducilo ao país dalgúns regatos que fican fóra dos sistemas fluviais en mans das compañías de enerxía que desde o ano 1948 tiveron a ben, e sen parar, construír máis encoros que nunha novela de terror. Só na provincia de Lugo hai catro grandes (moi grandes) centrais hidroeléctricas no Miño, e en Ourense, verdadeiro parque temático de centrais de grande tamaño, úsanse (ou abúsanse) Miño, Avia, Sales, Limia e Mao por parte de Naturgy.

O outro asunto, moito peor que irónico, é contemplar un recibo de electricidade da Comercializadora Naturgy: será posíbel que na Galiza paguemos por transporte de enerxía electrica? Será posíbel que un outro conceito facturado sexa incentivos ás renovábeis?

Comentarios