Opinión

Macrogranxas (e II)

Días pasados afirmamos que hoxe a agricultura e a gandaría dominantes son intensivas. Ao mesmo tempo, afirmamos tamén —semella unha contradicción— que no noso país somos quen de oferecer outra cualidade de carne producida baixo un control estrito e que lembra as vellas producións extensivas do pasado. É dicer, na Galiza oferécese carne de vacún de produción controlada e con garantías dabondo para poder dicer que é accesíbel, non cara; vacún criado con terras, de razas autóctonas ou asociadas. Mais a aparente contradición non é máis que unha cuestión de escala. 

As dimensións das explotacións pequenas, con terras e con alimentación animal mixta son intensivas, mais producen carne non comparábel á das macrogranxas. É como se afirmáramos: non é igual un vaso de viño á comida que un litro: é tamén cuestión de escala. 

Existen producións cárnicas con control corporativo e outras autónomas que levan a cabo cría de gando vacún aproveitando pasto, con estabulación controlada e combinada con vida ao ar libre. Tamén existe transformación de carne con procesos industriais para os mercados (interior e exterior). É coñecida a relación comercial dos gandeiros galegos que producen con cualidade controlada cos grandes cociñeiros españois de sona internacional que oferecen, como referencia de luxo, carne galega. O control corporativo dos procesos que levan á denominación xeográfica protexida de tenreira, vaca e boi galegos (IGP Tenreira Galega) é garantido, hai xa máis de 30 anos de vida asociativa, con presenza non só no mercado interior galego senón no mercado de exportación, de tal forma que hoxe máis da metade desta carne é consumida fóra da Galiza. 

Hai así mesmo un bon número de gandeiros que manteñen un sistema de produción (combinando pasto e penso) con animais en rexime de liberdade controlada, que producen carne de cualidade recoñecida tamén en todos os mercados. 

Volvendo ás declaracións mediáticas do Ministro de Consumo, é irresponsábel botar ao ar o consello de comer menos carne, porque hai unha parte dos cidadáns que non poden abusar da carne, simplesmente porque non poden acceder a ela. Acceder é un conceito que non ten a ver co prezo: da mesma forma que se escoita opinar que a carne é cara, consómese un refresco de cola que custa igual que un bistec. Acceder quer dicer dispoñer das condicións mínimas de vida digna para saber comprar, dispor de tempo, coñecementos e condicións para cociñar. Residir a unha hora do lugar de traballo, compartir vivenda ou dispor de 15 minutos para comer, non son condicións para ter capacidade de escolla. Unha persoa nesas condicións comerá para sobreviver todos os días unha salchicha ou un preparado de polo de procedencia industrial dunha macrogranxa. Mesmo recomendar máis vexetais é retornar ás macrogranxas: son de producións industriais en macroexplotacións. É inútil esperar que o discernimento do consumidor sexa receptivo á mensaxe de reducir a inxesta de carne procesada. Só hai un segmento de consumidores que, por coñecementos culturais de saúde e de cualidade dos alimentos, teñen capacidade para se alimentar ben, dispoñen de renda e tempo suficientes e son receptivos a mensaxes desa natureza.

Comentarios