Opinión

A mala educación

É COMPLICADO FALAR de boa ou mala educación sen se poñer en entredito. Penso que non val a pena referirse ao mal que che poida parecer que cando atravesas un espazo común ou te abrigas no mesmo habitáculo, saúdes... e ninguén conteste. Hai una variante, que alguén -pode ser un cuadrúpede- conteste cun gruñido. Non sabes se é por te saudar ou por te rexeitar, no mesmo ascensor, poñamos por caso. Tampouco val a pena se referir ao feito de ter que esperar a que un grupo (en forma de manada) entre no lugar do que ti pretendes saír. Hai una variante: persoa soa que, en uso do que considera suma cortesía, te invita a saír a ti antes de ela penetrar. Cando se dá ese caso, considero que o/a individuo/a nunca viaxou nun transporte público ou nunca converteu en consciente -para aplicar en todos os casos- a elemental norma física de deixar saír antes de entrar.

Seguimos sen poder aprofundar nas causas de tanta falta de urbanidade; así, por exemplo, na norma de gardar a compostura no camiñar polas beirarrúas. As normas de circulación tamén se deben respectar ao camiñar a pé, e a norma da dereita é válida tamén neste caso. Así mesmo, é prudente non espetar as variñas do paraugas nos ollos dos outros viandantes nen arrombar cos peóns que por algunha razón van máis a modo; seguindo co mesmo adminículo, convén non pasear co tal elemento debaixo do brazo perpendicular ao eixo do bípede. Nese caso está ben visto darlle un pequeno golpe para abaixo e colocalo en paralelo ao camiñante. Non imos tratar tampouco da contaminación acústica que invade os espazos públicos só coa voz berrona, iso si, de quen se considera con dereito ou poder para ocupar triplo espazo do que lle correspondería en boa lóxica.

Mesmo imos esquecer completamente o significado do costume, hoxe parece que admitido, do esgarro na vía pública. De momento a competición parece que se desenvolve só na categoría masculina, pero todo pode chegar, e chegará. De todos os xeitos, confiemos no labor preventivo das autoridades sanitarias, xa que, co tráfico de virus e bacterias que hai no mundo globalizado, han prohibir semellante práctica para evitar propagación dos citados bichocos.

Non, non imos tratar de nada diso. Só imos a aqueles aspectos da mala educación que xa están xerando custos colectivos. En primeiro lugar, esquecer non cumprir ou simplemente violar as normas de boa relación de educación para cos demais significa pura e simplesmente desprezo polos demais e, polo tanto, co público.

Acaso imos crer que o do esgarro despois separa os distintos tipos de lixo? Vai ser coidadoso/a co reciclado, aforro de envases, así como contribuír á sostenibilidade enerxética? Poderíamos crer que aquelas persoas que arrollan aos máis lentos pola beirarrúa respectan as normas de tráfico rodado en beneficio deles mesmos e por suposto dos outros? Cantos accidentes proveñen da cultura social dominante de "tonto o último" e, polo tanto, cantas mortes serían evitábeis cunha base de boa educación desde a primeira infancia?

Comentarios