Opinión

Metidos en fariña

O castrapo ou o galego para os tacos agrega descomposición en creación televisiva á que se acostuma a transmitir do ser dos galegos

AÍNDA QUE sexa habitual — "normal" — non deixa de nos sorprender que os galegos teñamos referencias do noso ser grazas ás imaxes que os outros fabrican de nós. As raíces desta cuestión son históricas, moi profundas, e non é agora ocasión de nos poñer sobre a súa análise. Podemos citar, porén, un episodio actual sobre unha serie que unha emisora española de TV privada está emitindo. Cumpriría, para empezar, facer referencia á propriedade da emisora, porque os economistas sempre nos orientamos na análise económica polo rastro/ pegada do diñeiro.

Antena 3 é parte da A3M Corporación de Medios de Comunicación S.A, corporación que agrupa canles de televisión (Antena 3, La Sexta, Neox, Nova, A3 series...), emisoras de radio (Onda Cero, Europa FM, Melodía FM), Cine e A3 Player. A corporación está controlada polo Grupo Planeta/Agostini, e, no exercicio de 2017, obtivo uns ingresos netos de 1.052,1 millóns de euros. É o primeiro grupo de comunicación audiovisual preferido polos anunciantes en horas punta, e cómpre lembrar que os anuncios e as vendas/concesións de permisos das propias producións son as fontes de ingresos destas empresas.

A dirección corporativa ha ser quen, cada exercicio, de deseñar unha perfecta senda de obtención do máximo beneficio cos medios de produción de que dispoñen, por algo cobran por ano 4,5 millóns de euros. A primeira evidencia constatábel é que, se producen programas na televisión privada, é para gañar cartos, é dicer, para gañar audiencia e con ela os anuncios, que son o primeiro ingreso. Por esta razón é pola que, no contido transmitido dunha serie baseada en feitos reais, se destacan uns e non aparecen outros: a reconstrución —na creación televisiva— realiza unha escolla a comenencia ou en interese de parte. Logo, a serie Fariña é unha parte dos feitos que conforman a realidade coñecida, unha escolla, non un relato documentado da historia. Por iso é conveniente ter coidadiño ao se sentir reflectidos. O plantexamento da produción televisiva, ao igual que outras, non vai ter en conta a ollada sobre a realidade desde dentro desa sociedade senón aquel aspecto que resulte atractivo como singular, extraordinario, afastado da norma social imperante, rechamante, digamos, fóra de cadro para poder ser obxecto de relato. Nesta escolla queda polo camiño calquera posibilidade de tratar o contido da serie como un aspecto da realidade galega dos anos 80. Así, no aspecto máis evidente que é o idioma: sería un primeiro documento notarial se a serie tivese sido rodada en galego e emitida con subtítulos: os galegos entenderíamos o seu contido perfectamente, as palabras serían todas pertencentes ao mesmo painel de dignidade na fala: o seu significado concordaría coa conduta atribuída a seres "raros" para os espectadores de máis alá do Padornelo. Notarial, porque o idioma non é un superposto cultural senón que é o continente e o contido dun modo de ser. Á inversa, o castrapo utilizado ou o galego para os tacos, como desabafos duns seres primitivos/narcotraficantes, agrega descomposición en creación televisiva á que se acostuma a transmitir do ser dos galegos.

Comentarios