Opinión

Micro, medio e gran machismo (e II)

NUN ESCRITO anterior apuntei que as celebracións do 8 de marzo deberían deixar de ser dun día ao ano para pasar a ser cotiás, cambiando o sentido festivo polo reivindicador diario. Tamén defendía a opinión de que é pouco útil distinguir entre machismos aludindo ao tamaño —micro, medio ou macro— porque, neste caso, a raíz, o tamaño e as consecuencias son sociais, aínda que os efectos individuais sexan de distinta dimensión. Non fixen máis que enviar o escrito á prensa e salta a nova, en todos os medios de comunicación, mesmo televisivos, da ‘gracieta’ (suposta) en forma de xesto vulgar, machista e vexatorio do presidente da comunidade de Castilla/León, o señor Fernández Mañueco, do PP. 

A heroicidade deste presidente, exercendo de bufón, consistiu en demostrar ao mundo que en función da súa capacidade era quen de dar as costas á procuradora do PSOE, Rosa Rubio, en uso da palabra desde a tribuna de oradores. Xa sabemos a significación certa da linguaxe corporal e dos xestos. Visto que está demostrado que esta vez actuou así, é probábel que sexa habitual ese comportamento, é dicir, é reincidente. A seguir do non facer caso, e coa finalidade de rematar a ‘faena’ toureira, amosa, en xesto tamén procaz e macho a tope, o dedo corazón en sinal do máximo desprezo á interveniente, tanto á súa persoa como á posición nas Cortes de Castilla/León.

Se estivese o nivel de tolerancia social diante destes feitos á altura dunha educación xeral básica dun país civilizado, ocorrerían dúas cousas: non existiría esta nova televisiva e, alternativamente, no caso de que algún desmandado incorrese en tal conduta, sería incapacitado para dirixir nada, nen sequer unha organización de afectados pola mala educación. E, non obstante, aí continúa, sen que os seus xestos, conduta e accións derivadas comporten nada parecido aos responsábeis do maltrato animal castigado nas leis. 

Que quer dicir, politicamente falando, unha conduta dese tipo? Que o grau de admisibilidade, tolerancia ou mesmo aprobación social é moi grande, e nalgúns ambientes mesmo pode ser interiorizado sen crítica. Admitir que un dirixente dun partido político con responsabilidades de goberno nun ente autonómico —ou de calquer nível— é un energúmeno desta natureza di tanto da súa cualificación como de quen o vota e tamén de quen o promove. Como vai ter sentido da aplicación das leis de igualdade alguén con público e notorio desprezo ás mulleres? Convertemos, polo poder das letras escritas, o señor Fernández Mañueco en candidato primeiro —haberá máis— ao premio de gobernante machista con mención especial de vulgaridade. 

E dos xestos facilmente podemos pasar aos feitos, e serán —estes— perfectamente integrados, considerados habituais, tamén cobertos de normalidade social. Cos xestos interiorízanse accións discriminatorias que non contribúen nen á paz social nen ao desenvolvemento normal da vida de mulleres e homes na sociedade: seres humanos con relacións cotiás. O cumprimento dilixente das leis que promoven a igualdade e son compensadoras de situacións especiais relacionadas co coidado na familia (responsabilidade social con titulares individuais), son para respectar, co mesmo empeño que outras normas.

Comentarios