Opinión

Modelo copiado (e II)

COPIAR NON é en si mesmo nen bon nen malo. Todo depende do que se copie, como se copie e do resultado final. Cando se trata de cidades do tamaño da nosa, hai moi pouco que inventar, case todo está xa posto en materia nalgún lugar do espazo máis próximo, sexa dentro de Galiza, en calquera cidade do Estado ou en calquera outra de Europa. A peonalización, a posta en uso de patrimonio urbano antigo, os plans de rehabilitación de vivendas e edificios públicos nas cidades históricas... Hai poucas novidades ou pouco que discorrer: non é necesario exhibir novidades coma quen descobre o Mediterráneo. Mesmo en historia económica mundial atopamos grandes avances industriais realizados a base de copiar, reproducir, ensaiar e lograr resultados tomando como modelo outras experiencias exitosas.

Para Lugo sería interesante facerse eco dunha experiencia ben próxima con resultados positivos e que a maiores saca da ruína unha instalación en principio militar. O castelo de san Felipe en Ferrol foi case toda a súa vida exclusivamente un forte de importancia defensiva durante un longo período: varios séculos. Foi desartillado, abandonado e logo vendido ao concello de Ferrol. Ten, como lle corresponde á súa natureza, uns muros que nen co paso do tempo en abandono, venceron a súa robustez e ten tamén un tamaño que fai complicado o seu mantemento en condicións de habitabilidade para outros usos. Pois aínda con estas pexas, sen orzamento posíbel para unha dedicación para outros fins dos miles de metros cuadrados construídos, o Concello de Ferrol acordou, felizmente, darlle un uso que podemos calificar de sostemento: con plans a medio e longo prazo.

Primeiro, pechalo para non abandonalo á barbarie destrutiva, e, a seguir, converter unha parte en pre-museo para coñecemento de ferroláns e visitantes. A maiores —isto é o que nos parece máis interesante—, facilitar, con pagamento, unha visita guiada de dúas horas aproximadamente, que pon de relevo o papel defensivo- histórico da fortaleza, así como o seu devir histórico nas distintas etapas da existencia de san Felipe.

Non houbo obra algunha máis que limpeza e dotacións elementares para un lugar de visitas. Os fondos necesarios para as accións son municipais, e europeos para edificios desa natureza. É dicir, non ten destino asignado máis que para dar a coñecer a súa historia, non é turístico no sentido de ser usado para visitantes, senón que é conservacional, para evitar a súa deterioración e tamén para gardar coa capacidade municipal do presente unha obra que é parte da historia da cidade. Invitamos ao Concello de Lugo a copiar o modelo para o cuartel de San Fernando: evitar a deterioración, abrilo á visita dos lucenses e visitantes mediante unha pequena achega (se entrar na catedral, que non ten aseos nas súas instalacións visitábeis, custa 10 euros, ben se poden pagar 2 por ver San Fernando por dentro). E, a maiores, levar a cabo un programa con guías cualificados no coñecemento histórico arquitectónico do vello cuartel no seu rol defensivo e tamén no contexto urbano.

Comentarios