Opinión

Non é xestión, é política

PARECE QUE a cuestión da boa xestión vai formar parte da campaña eleitoral galega. Fálase de que hai que derrotar os actuais gobernantes porque son malos xestores. O cambio suporía pasar a xestionar ben, suponse que os intereses públicos dotados orzamentariamente. Discrepamos en termos case absolutos de semellante plantexamento polo que ten de parcial e manipulador da análise da gobernación dun país. Os xestores (os bos e os malos) son, como o seu nome indica, delegados de alguén e gobernan os intereses dese mesmo alguén. Polo tanto, depende de quen sexa ese alguén e a satisfacción do resultado da xestión que experimente, para falar de boa ou mala xestión.

Citemos un caso que ademais goza da cualidade de que é real como a vida mesma. O actual goberno da Xunta, (case) en funcións, acaba de renovar, ampliando, o concerto cos centros de ensino —que imparten ensino obrigratorio— privados. Este feito significa xestionar ben os fondos públicos para os intereses empresariais privados, propietarios de centros de ensino, dos que o primeiro beneficiario é a Igrexa Católica. Desde a perspectiva do dereito a un ensino público universal para a etapa obrigratoria, é lóxico empregar con racionalidade económica do público, os fondos orzamentarios destinados ao ensino obrigatorio. Esta perspectiva parecería a única posíbel nun Estado moderno que tivese pasado por unha Constitución adecuada ao século XXI. Pero non é asi nen moito menos. Nen na política española, nen na norteamericana nen na dos países europeus máis modernos. Análise e descrición dos procesos históricos son moito máis complexos que a simplificación mitineira da boa xestión.


Xestionar ben sen mudar o marco non mellora a vida dos que sofren desigualdade, discriminación ou alleamento como traballadores

As cousas suceden máis ou menos da seguinte maneira. En primeiro lugar, e volvendo ao feito que nos servía de exemplo, o goberno galego (case) en funcións pode ampliar o concerto cos centros de ensino privados porque é legal. Esa legalidade emana dunha lei que foi previamente aprobada, sancionada e incluída no marco legal actual que a Constitución española permite. Pode non ser moi estético, pero non é ilegal. É inmoral, desde o ponto de vista dos que defendemos un ensino público universal e dotador de igualdade de oportunidades a todos, e, ao mesmo tempo, restrinxir as dotacións e melloras do ensino ao público, albo dos recortes da política dos últimos cinco anos, pero non é nen mala xestión, nen ilegal.

En segundo lugar, o proceso de mellora social é político, pasa por mudar as leis, a primeira a Constitución, e, en terceiro lugar, a manipulación simplificadora de polarizar o contido político na xestión é igual que tomar os cidadáns por infantes menores de idade e de capacidade. Pódese mellorar moítisimo a xestión. Certamente, e asemade, aprofundar nunha política que xere máis desigualdade social, que aumente a emigración, que promova desemprego e que, por certo, aprofunde nas causas do chamado problema demográfico. Xestionar ben sen mudar o marco non mellora a vida dos que sofren desigualdade, discriminación ou alleamento como traballadores. A cuestión decisiva non se arranxa cambiando a xestión e os xestores, por moi ‘mantas’ que sexan, senón mudando as leis e a política.

Comentarios