Opinión

Normalidade?

ESTAMOS aprendendo en plena pandemia unha chea de cousas, mais semella que o que custa máis é interpretar colectivamente os consellos e mesmo seguir as normas. Consellos e normas que proceden das autoridades, primeiro co asesoramento dos entendidos en medicina, despois co dos expertos en normas aplicábeis ao conxunto da sociedade, e finalmente —nun exercicio práctico de proba e erro— co amparo dos últimos responsábeis na sanción correspondente, polo incumprimento das obrigas legais que atinxen aos cidadáns. Pasamos por todas as fases posíbeis e mesmo contraditorias (lembremos "as máscaras non fan falla" a "é indispensábel usar máscara") até a gran contradición actual de constatar que a vacinación mesmo do 90% da poboación non é garantía de normalidade social, económica nen sanitaria. Logo, a nova normalidade requere algunha explicación, algunha pauta nova de conduta e tamén comezar a asimilar que o tipo de vida normal anterior é probábel que tarde moito en voltar. 

En dous anos mudou completamente a paisaxe humana das vilas e cidades. Parece máis unha foto oriental que o recordo que tiñamos de antes da pandemia. Mais hai outros ámbitos das nosas relacións sociais estabelecidas ao longo de moítisimos anos que non están na liña do illamento requerido nas recomendacións de conduta sensata. No noso país hai unha mobilidade interior especialmente densa porque a emigración interior, co poboado conseguinte das cidades, non destruíu o tecido labrego aínda que só viva para o recordo do pasado. Cando se di que no sul da provincia de Lugo os contaxios últimos son debidos ás matanzas, querse dicer que continúa vivo o hábito de se xuntaren as familias para comer, beber, cantar e se divertir dese xeito. Non penso que haxa ‘asasinato’ de porco polo medio pero as datas son as mesmas. Cando temos constatado que nos grandes centros fabrís de Vigo houbo (anos hai) período de vacacións masivo na época das vendimas en Ourense, explícase como a relación vida urbana/aldea tiña unha componente de elevado arraigo na vida das persoas desprazadas. Ao observar hoxe a presenza en festas e feiras tradicionais de masas humanas con máscara e logo comendo e bebendo alegremente en grupo, observamos tamén como a normalidade social no noso país (sen entrar a considerar o rol do turismo) merece ser considerada con outros parámetros distintos do illamento físico en sociedades doutra cultura. A normalidade requerida polo comportamento necesario á evitación de contaxio é imposíbel mantela despois de dar ao público en xeral a nova de que unha vez vacinados teríamos resolvido o problema. Vese que non é así. Precisamos outros consellos e outras normas.

120 médicos Mir de Santiago celebraron xuntos (debeu de ser nun pavillón de deportes!!!) unha cea pre-Nadal. Nada que dicer porque non están prohibidas. Se houbo contaxios foi cousa do destino, que é moi caprichoso. Tampouco está prohibido ir a Vigo ver o ‘lucerío’ de Abel’ ou ir ás San Lucas ou ao San Froilán ou comer coa familia, ou correr nunha maratón...; en fin, non está prohibido contaxiarse. Haberá que buscar unha nova normalidade.

Comentarios