Opinión

Novas tarifas eléctricas

O GOBERNO español, que non para de discorrer novidades, acaba de crear unha tarifa eléctrica con distintos prezos por horas. Só é preciso consultar a páxina web de Red Eléctrica Española (REE) a partir das 20,15 de cada tarde para se enteirar do prezo quilowatio do día seguinte. Está xenial. Paréceme un sistema avanzadísimo. Vou ir practicando, entrenando, e facer uso das recomendacións do goberno. Ás oito e cuarto da tarde poño unha alarma no teléfono para que me avise e para lembrarme de mirar. Logo fago un plan de acordo co prezo máis conveniente de uso da electricidade na casa. Se a hora máis barata son as tres da mañá, non hai máis que prever outra alarma no teléfono, erguerse da cama e pór a lavadora, o lavalouzas, o forno da cociña, o aspirador ou a prancha da roupa (as dúas cousas a un tempo non dou feito, pero podo levantar a outros membros da familia, que o goberno manda espelirse), e todo amañado: a gozar da tarifa mais barata grazas ás indicacións do goberno. Véxolle algunhas dificuldades. Por exemplo, a potencia: poderei, sen cambiar de potencia contratada, acender todo ao mesmo tempo? Non. Poderei aguantar cada noite o cambio horario por aforrar un pouco (como máximo o 13%) da parte mais pequena do recibo (o consumo é o 37%)? Non. Poderán os veciños nas casas de ídem aturar o ruído de 40 máquinas funcionando ao mesmo tempo? Non. Poderei todos os días estar pendente as oito da tarde da pegañenta páxina web devandita? Uns días si, pero a maioría non.

Só me falta imaxinarme o que sería seguir outra das recomendacións para uso no ámbito doméstico: evitar o consumo de 21 a 22 horas

Por outra parte, é imposíbel facer vida de traballo con horarios predeterminados combinado con traballo doméstico, e para maior tortura só usar os electrodomésticos de limpeza, lavado, cociña e demais labores á extravagante hora que cada día marque un burócrata encargado dos vaivéns inventados do mercado eléctrico. Só me falta imaxinarme o que sería seguir outra das recomendacións para uso no ámbito doméstico: evitar o consumo de 21 a 22 horas. Durante os longos meses de inverno ás 21 é noite pecha, a maior parte da xente recollida na casa: recoméndase andar ás escuras, non cociñar, apagar a tele e a radio, desenchufar as estufas eléctricas, bañar os nenos ás escuras, non lle secar o cabelo máis que con toalla (en realidade, tanto ten, porque ao estar a escuras o neno fuxiu)... e esperar ás 22 horas para empezar a consumir. Decididamente o que parecía só unha ocorrencia do goberno para vender un posíbel aforro no recibo de electricidade é unha chambonada de regulamentación.

Os usuarios domésticos de enerxía eléctrica pagamos as tarifas máis caras de Europa. O chamado abono social da electricidade só abrangue un conxunto moi reducido de titulares de rendas moi baixas, con problemas económicos tan graves que será a súa última preocupación o horario da lavadora. Aquí non hai dereito a conservar sen pagar -de forma temporal e por causa de emerxencia económica- a subministración. Se non pagas, cortan. Despois, mírase, pero sempre despois de pagar... E toda a ocorrencia gobernamental é recomendar horario nocturno.

Comentarios