Opinión

Novo mandato, nova etapa

Agora que xa está rematado o proceso de eleccións municipais, permítome lembrar unhas suxestións para que o goberno da cidade, repartido tal e como foi acordado, logre, con novas actuacións, melloras. 

Asistín a un congreso profesional de interesados na actividade pesqueira en toda a súa extensa gama de procesos: pesca extractiva, miticultura, marisqueo, piscicultura mariña, transformados novos e conserva clásica, elaboradores de novos alimentos a base de pescado, intermediarios mundiais de comercio de pescado, multinacionais pesqueiras (a maioría galegas), investigadores, administración pública..., é dicir, máis de 300 asistentes físicos no Parador de Baiona, reunidos cunha finalidade: promoveren o consumo de pescado e garantiren a sobrevivencia da pesca nun escenario mundial con incertezas.

Un corolario básico do congreso reforzou o coñecemento sobre as vantaxes para a saúde humana e a mellora de vida que supón consumir máis de tres racións de pescado á semana. E en relación con este consumo tamén se citou a necesidade de apoio público, das distintas administracións, en organizar os servizos de abastecemento, pasando pola información, da mellor maneira para facilitar o acceso dos cidadáns ao pescado. Nas cidades que de antigo dispoñen dun mercado ou praza de abastos rexido polo concello nada hai máis doado que organizar este servizo para que cumpra adecuadamente co seu labor. Os distribuidores privados —super e hipermercados—, por conta do negocio, xa teñen tido ben en conta os consumidores na venda de pescado. Até tal ponto que as empresas francesas de grande distribución instaladas aquí, antes do éxito da rexida polo señor Roig, observaron que os clientes do Estado español non repetían compra se non había pescadaría; fórona abrindo todos eles nos seus centros comerciais, gabándose de pescado das lonxas próximas, signo máximo, así como atractivo, de calidade. Lugo, como capital de provincia cunha franxa costeira que alberga dous portos dos máis importantes do Estado en pesca de calidade: Burela e Celeiro, debe á Mariña a promoción e exhibición na Praza do mellor pescado que se pode vender en mercados españois. No presente, para poder garantir unha distribución adecuada, cumprirían algunhas actuacións que facilitasen a vida e rendibilidade dos pescadeiros da Praza. Os consumidores precisamos dun horario amplo para dispoñer tamén de posibilidades de compra. O horario dun/ha traballador/a non é compatíbel co horario de pescadaría da Praza de Abastos: é imposíbel ir mercar pescado —cedo, por exemplo, ás 8 da mañá— pagar o aparcamento, ir traballar e deixar o pescado no coche 7 ou 8 horas. Isto non é posíbel. 

Os traballadores actuais, mesmo do centro da cidade, non dispoñen de tempo (só en horario de mañá) e facilidades para este acto de consumo. E as persoas de idade alta que viven soas ou con dificuldades motoras, tamén. Horarios expandidos, acceso con bonos de aparcamento, un servizo de depósito/consigna para todos os usuarios: compradores e vendedores ao tempo que cunha pequena achega sirva o pedido a domicilio. É preciso que exista un servizo de compra telefónica ou en liña que facilite o acceso desde calquer ponto do municipio á compra na Praza. Será tan difícil?

Comentarios