Opinión

O novo confinamento

EN REALIDADE pseudoconfinamento, confinamento a medias, confinamento por horas, mediopensionista, interino de confinamento, substituto de confinamento, confinamento a tempo parcial, confinamento partillado con vida ‘normalizada’, vida encerrada con virus solto...; xa non temos denominación acaída para esta situación que no seu momento se nos dixo que sería a ‘nova’ normalidade.

De saber que ía ser así, case teríamos preferido que fose anormalidade sen a parte de ‘nova’. Non parece ser moi remunerador do benestar pasar agora a facer exame do que se fixo ben e do que se fixo rematadamente mal. Do que se puido facer e non se fixo. Da responsabilidade persoal-individual, da colectiva e da gobernativa. Tanto ten. O caso único evidente e material é que dá a impresión de que somos gregariamente unha recua de humanos sen coñecemento, orientación nen dirección. E os responsábeis do goberno, tanto do central como do autonómico, semellan grumetes dun barco á deriva intentando extraír auga cun cubo de praia.

Hai unha imposibilidade de natureza física, é dicer, do tipo de leis da Física que, ben formulada, diría que é imposíbel ter ao mesmo tempo e no mesmo espazo turismo e control da pandemia. É imposíbel controlar os contaxios sen rastrexar os contactos. E, finalmente, é imposíbel sen disciplina social e sen control público endereitar condutas asociais. Nen os modos de ocio e vida fóra do fogar nen a estrutura económica deste país fan posíbel a comparación con outros do contexto europeo, e, por tanto, tampouco as medidas adoptadas darían o mesmo resultado.

A economía española é por tamaño grande na Unión Europea: é o cuarto por valor do producido nun ano (PIB). Non é a economía dun pequeno nen depauperado estado, pero si ten unhas dependencias do exterior que poden lastrar nun determinado momento e de forma férrea, a súa posibilidade de seguir xerando crecemento económico. Citemos tres formas: polo monto dos ingresos do turismo e o seu enraizamento en sectores da economía que se dedican a aprovisionar a demanda turística. Hai espazos económicos exclusivamente sementados de oferta turística: hoteis, restaurantes e cafetarías, transportes, seguros, intermediarios financeiros, ocio de todo tipo e condición, alimentos e bebidas, servizos públicos (mesmo hipertrofiados a respeito das necesidades locais), construción e vivenda, construción auxiliar e de infraestruturas, seguranza pública e privada...

En segundo lugar, a grande industria instalada en España é titulada maioritariamente por capital estranxeiro coa conseguinte asimetría na repartición de rendas, de decisións de investimentos e de pagamento de impostos, así como da posibilidade de interlocución co goberno, reducida. Máis ben semella que asistimos a unha relación cuase permanente de chantaxe. E, finalmente pero non menos importante, o prolongado camiño de déficit público e recentemente de débeda pública con trazas de cabalo de carreiras desbocado. O circo vicioso complétase con que non se pode confinar unha poboación e ao mesmo tempo ‘producir’ turismo e viver fóra de casa. Non se pode estar en paro ou en Erte e ao mesmo tempo consumir. Non se pode gastar fondos públicos e non arrecadar ao xeito. E, como non se pode, é imposíbel.

Comentarios