Opinión

Obras públicas e racionalidade económica (e II)

Diciamos a semana pasada que unha parte das obras públicas realizadas nas últimas décadas adoecen de irracionalidade económica, medida a respeito da rendibilidade económica derivada do gasto realizado. As infraestruturas por si mesmas non son garantía de crecemento económico. No momento da súa construción dáse demanda de emprego, ‘tirón’ por sectores industriais e de servizos relacionados e, se se dá o caso, aforro en custos sociais derivados da mellora do transporte. Mais, unha vez realizadas, significan un gasto social —ás veces enorme— para o seu mantemento, revisións, inspeccións e, no seu caso, reconstrución. 

Esta constelación de razóns fundamentan o exame dos beneficios socio-económicos dunha infraestrutura. Hai ademais outros elementos que transcenden a construción: primeiro, a fonte financeira do gasto e segundo, o exame da alternativa á construción considerada tanto fisica como financeiramente falando. É dicer, se debemos os cartos (porque hai débeda pública detrás) que se empregan na construción, mal negocio. Tería sido preferíbel non deber nada e esperar pola infraestrutura de que se trate porque estamos vendendo o futuro das xeracións vindoiras sen ter postos de traballo en economía directamente produtiva. Unha obra pública, en por si, é un bon negocio para a empresa construtora, para os intermediarios financeiros que facilitan os fondos e van cobrar polo uso dos mesmos —durante moitos anos— e para algunha industria vinculada directamente á construción. 

Certamente, se tratamos dunha estrada, autovía ou autoestrada hai uns outros beneficiarios indirectos que son os posuidores de capital en industria do automóbel. Vai ser moito máis doado vender turismos e camións con estradas axeitadas que cun ferrocarril competente. Todo este asunto ten inicio nunha decisión política: opción polo transporte de persoas e mercadorías vía estrada, e, posteriormente, xa constitúe en si mesma unha necesidade material que hai que atender. Citamos o outro día a segunda terminal no aeroporto de Lavacolla ‘Rosalía de Castro’, e para examinar o seu valor funcional cómpre ter en conta máis variábeis que as simples de gasto en construción e modelo resultante. 

As perguntas a responder podemos resumilas nunha: era indispensábel ese gasto para seguir tendo aeroporto con tráfico normal? Se a resposta é non, temos un gasto superfluo. Seguindo esta simples guía atopamos unha restra -longa- de gastos irracionais. O cualificativo non é caprichoso. Un gasto superfluo impede que se empreguen eses mesmos fondos en cobrir outras necesidades. De onde saíu a necesidade dun auditorio novo deixando apodrecer o cuartel de San Fernando? Son, acaso, indispensábeis os edificios novos para realizar investigación científica; é preciso construír novos hospitais ou mudar a dotación asistencial medida en ratio sanitarios /doentes potenciais? Cambia acaso a universidade en función dos edificios construídos? Os cartos, mesmo os públicos, non son ilimitados, e, se ben o orzamento público non é o dunha economía doméstica (na época do sr. Raxoi comparábase a economía doméstica coa do Estado), tampouco ten disponibilidade ilimitada para gastar e para se endebedar. A aplicación do principio de suficiencia financeira, máis o exame minucioso da racionalidade económica do gasto, normalmente con partidas multimillonarias, é indispensábel para un bon goberno.

Comentarios