Opinión

Occidente e China

TANTO FALAR das ‘tendas de chinos’ que padecín as súas consecuencias. Escribiume un colega e, sendo suave, teño que recoñecer que me puxo verde. A razón é fundamentalmente deixar entrever nas miñas superficiais digresións que en China se fabrican cousas de calidade inferior á requerida en Occidente. Non deixa de ser un lugar común —nada científico— pero que forma parte da experiencia diaria do consumidor non especializado. Un pouco mais atinado, camiño xa dun diagnóstico científico, é falar en termos xerais do que a República Popular China (o nome aínda non o cambiaron) significa na produción industrial mundial: é a maior factoría do mundo. Fabrican de todo e, de seguiren así, case todo, pero con matices. Dado o tamaño da economía chinesa —a segunda do mundo despois dos USA— é perfectamente entendíbel que sexan quen de fornecer o seu mercado interior (lembremos: máis da quinta parte da humanidade) e de exportar ao resto do mundo. Dito así, movéramonos no marco dunha lóxica de funcionamento económico na que o intercambio de mercadorías se entendía como intercambio de excedentes entre economías de Estados independentes. Ocorre que as cousas non funcionan hoxe desa maneira, xa que, en parte, o investimento de capital occidental en China desde hai décadas facilitou a conversión dese xigante non en produtor de bens industriais maduros senón en colaborador imprescindíbel de Occidente na produción e exportación en bens de moi elevada composición tecnolóxica. E así hoxe é posíbel observar un fenómeno un pouco preocupante: de tanto desprazar a China capital e deixar que a súa forza laboral potentísima (case 800 millóns de traballadores) faga de todo (iso si, con salarios ínfimos comparados cos occidentais) pode suceder que haxa un arrefriado das economías occidentais non ben esbirre China. O elefante asiático medra cada ano, e todos os anos, mesmo os da crise nosa, por riba do 5% anual (estas cifras «teñen días»: unhas veces din 7% e outras menos, pero é un crecemento enorme dada a base de partida), e nos últimos anos todas as potencias industriais europeas decrecen, é dicer, utilizando ese termo tan contraditorio, crecen negativamente o -0,3 o -1,2 o -2,7 de Alemaña, España, ou Italia. China exportou no ano 2014 mercadorías por valor de 1,2 billóns de dólares dos que un 40% teñen como destino as economías occidentais desenvolvidas, e continúa ano a ano consolidando o seu posto de grande potencia mundial. A cativa experiencia do consumidor de a pé en bazares pretensamente de cousas baratas non casa coa dos compradores e usuarios de bens de alta precisión fabricados en China ou cos compradores de bens de luxo marca europea ou americana fabricados hoxe nese semicontinente, case un mundiño. Alí deslocalizouse a produción primeiro de bens de alto contido en man de obra e logo a restante: moita man de obra, pouco contido tecnolóxico; moito contido tecnolóxico e pouca man de obra moi cualificada e hoxe en día divisións enteiras de xestión do negocio mundial mesmo con cariz exclusivamente financeiro (Continuará).

Comentarios