Opinión

Pandemia global, solución parroquial

Hai, de forma tímida por agora, unha certa contestación ao enfoque dado polos gobernantes á loita contra a pandemia. Abordouse o primeiro chanzo da solución confiando case exclusivamente á vacinación a posibilidade de superar socialmente os efectos esmagadores da mesma. Certo que a OMS deixou ver as súas debilidades. Nos comezos —despois da declaración oficial de pandemia— houbo máis de unha e máis de dúas vacilacións a respeito das directrices a seguir en evitación dos contaxios. 

Certamente, o novidoso da actuación dun virus descoñecido até ese momento pasou por todas as fases que podemos lembrar, até determinar con certo grau de certeza científica que a transmisión era aérea, que se podía deixar de lavar con desinfectantes as caixas de alimentos, que os zapatos poderían deixar de se desinfectar, agás por hixiene e limpeza, sempre desexábeis, que o lavado de mans seguía sendo imprescindíbel, que a evitación do contacto cos fluídos aéreos dos circundantes era aconsellábel por non dicer imprescindíbel, e que, finalmente, o uso da máscara individual e con recambios frecuentes era a mellor protección a falta doutra solución.

A vacina foi o único remedio médico buscado para ser vendida nos países do centro (UE e USA), porque China xa fabricaba as súas. O esperado camiño de investigación tanto de procesos de tratamento como de medicamentos curativos, ficou a ralentí e hoxe é o día en que nen un nen outro poden amosar os mesmo grau de execución material que as vacinas. 

Neste momento, fin de ano do segundo de pandemia, observamos como a perspectiva futura inmediata vai facer que necesariamente asumamos que, mesmo vacinados, a vida anterior á pandemia non vai volver. A pandemia é global e a solución adoptada é miope, por pechar os ollos á realidade do que acontece fóra do noso mundo, mais que é o mundo no que, sen ser escollido, vivemos. 

A solución non é que haxa unha lei de pandemias do Estado. A solución posíbel ten que partir da base de considerar como unha realidade social o que é unha realidade económica: a economía é global. No mundo hai tráfico de mercadorías, entre todas as economías hai intercambios. Mais os bens non van sós polo ar, hai movemento de persoas por todo o mundo: por terra, mar e ar, e as persoas ás veces poden transmitir a enfermidade. Hai por todo o mundo intercambios financeiros que ás veces tamén se acompañan de tráfico de persoas, co mesmo risco que na relación anterior. Hai un constante movemento de refuxiados e inmigrantes desde os países en conflito ou empobrecidos cara ao centro.

E, finalmente, nunca como no século XXI houbo tal cantidade de trafego de persoas co motivo do turismo —ou de algo que se lle parece— en proporción de pracer no ocio. O turismo —como actividade lúdica en si mesma que é— podería ser prescindíbel, desde a perspectiva do turista, mais para o sector oferta pode ser o seu meio de vida único, polo que o carácter de prescindibilidade (como é o caso da economía española) é totalmente falso.

Comentarios