Opinión

As pensións dos galegos

DEBE FORMAR parte da axenda de propaganda que o aparato de idem do Estado envía aos medios de comunicación para orientar a información verdadeira. O caso é que nos medios galegos soen aparecer titulares da forma de "as cotizacións de Galiza só cobren a metade das pensións". O pior da historia é que en Extremadura aparece o mesmo titular ou máis tremendista; en Aragón; parecido; en Valencia, é outro o gasto deostado... Onde non hai pé a ler estes titulares é en Euskadi e mais en Cataluña.

Para intentar entender o asunto hai que ir ao fondo da cuestión. Vexamos. Con que conta se pagan as pensións? Coas cotizacións actuais ou cos fondos creados polo feito de teren sido traballadores cotizantes? De onde saíu esa especie de tocamerroque de que as cotizacións actuais, por autonomías, pagan as pensións? Onde está escrito, que lei do funil é esa? As pensións son retribucións dinerarias que perceben os xubilados que no seu tempo activo cotizaron, creando pouco e pouco, e na maior parte dos casos con moito sacrificio, un fondo dedicado a este fin e administrado polo Estado.

Do grau de sacrificio e responsabilidade dos actuais xubilados á hora de prestaren a súa vida para colaboraren no crecemento da economía española dan conta os libros de economía que analisan o milagre económico español: os traballadores das décadas dos 60, 70 e 80 foron os titulares da responsabilidade do traballo sen reservas: tanto no interior como na emigración. En parte, e grazas ás remesas daqueles emigrantes -lembremos máis de 250.000 galegos nunha década-, a Balanza de Pagos española superou nas décadas paupérrimas a súa febleza endémica.

Ter que ler, sen se irritar, nen mover un cabelo da cabeza, que os pensionistas galegos gastan moito en pensións, mesmo pode provocar unha distorsión na máquina de elaborar o pensamento. Os xubilados que pagaron, por obriga legal, e non habendo outro mecanismo, a chamada cuota da seguridade social agraria estaban por lei privados dos dereitos de asistencia sanitaria, paro e retiro remunerado. Cando suprimen este rexime, en lugar de recoñecer dereitos creados traducíbeis a pensión, pasan a ser considerados indixentes e concédeselles unha paga de retiro como quen fai un obsequio.

As traballadoras galegas da industria conserveira titularon unha das figuras excepcionais do dereito laboral franquista: a figura de fixas discontinuas foi creada para esa situación, dando pé a un número de anos computados menor que os traballados. Os traballadores da pesca atopáronse con altas na seguridade social especial só nos meses de embarque pero non no período de descanso: menor período computábel. Os mozos emigrantes, mulleres e homes en idade activa, que se viron na necesidade de saíren por falta de horizonte laboral digno, cotizaron no país hóspede: foi verdadeira mágoa que non lles fixeran aquí un posto de traballo; así, non se sentirían hoxe con necesidade de se expresar así: "Non vos preocupedes, se vedes que sobramos, sempre hai o recurso de nos suprimir pensión, sustento e medicinas, que ao morrer inmediatamente xa non cobramos".

Comentarios