Opinión

Un proxecto Next Generation UE (I)

Apareceu un novo anuncio de Altri para a elaboración de fibra téxtil grazas á transformación en pasta da madeira de eucalipto. Altri, como é sabido, é unha empresa pasteira portuguesa que conta con factorías que producen pasta solúbel de papel. O novo anuncio realizado estes días fai referencia á ubicación escollida pola empresa para o anunciado proxecto na Galiza: Palas de Rei. Dise que elaborará, cando se instalar, á parte de pasta solúbel de papel, unha fibra téxtil artificial —Lyocell— lograda a partir dun produto natural —madeira— que constitúe un ‘input’ requerido pola industria textil —non a de confección, ollo!—, é dicer, é materia prima para que os fabricantes de tecidos os elaboren a base da pasta celulósica obtida da transformación da madeira de eucalipto. 

Por dicer tamén se dixo que creará (??) 2.500 postos de traballo. Convén facer todo este preámbulo para contar con elementos de información suficientes que vaian para alén dos letreiros que a modo de neón fosforescente opacan a realidade do que até agora é un proxecto no papel, non en firme. 

En primeiro lugar, é de agradecer que cando se faga un anuncio polos responsábeis do goberno galego (último anuncio de Feixoo) teña algún contido material serio co que poder contar, porque Altri declarou —en palabras do seu Conselleiro delegado— que até fins de ano de 2022, máis ou menos dentro de 8 meses, non terán estudados todos os elementos que conforman a base da decisión para levaren a termo o proxecto. É dicer, por agora só está tomada a decisión da ubicación, no caso de decidiren facer o investimento. Este aspecto de importancia informativa e de ollada prudente, non foi incluído na nova difundida e vitoreada polos meios de comunicación máis afíns ao goberno, como se dun investimento en firme se tratar. Dixo a empresa que a escolla da ubicación foi tomada exclusivamente por eles, tendo en conta a idoneidade dos elementos que conformaban as distintas candidaturas estudadas, máis de 45. Un outro elemento de importancia no exame desta novidade é o papel que poderá xogar na economía galega esta nova produción. A pasteira autodenomínase biofactoría, nun afán de converter en verde (economía verde) o que non é máis que unha fábrica de pasta celulósica, moderna, ben dotada tecnoloxicamente (caso dun acordo cun socio tecnóloxico), utilizadora da materia prima da zona que hai en abundancia (eucaliptos) así como coa posibilidade de usar fibras procedentes do reciclado de tecidos xa existentes. Pero de aí a se denominar biofactoría é o mesmo que pensar que  cambiar o nome cambia a personalidade. 

Esta práctica empresarial xa ten nome, é o ecobranqueo —traducida do inglés greenwashing— práctica de marketing que consiste en se adherir a unha denominación que recorde nalgo a natureza: de aí, biofactoría. Aínda haberá tempo para coñecer a realidade do proxecto: no uso das fontes enerxéticas, no consumo de auga, no respeito ao territorio, no procedemento do branqueo necesario das fibras, nas emisións de gases á atmosfera; en fin, nos postos de traballo que permanezan unha vez remate a construción (Continuará).

Comentarios