Opinión

Por que é caro traballar mal (I)

O último artigo escrito en 2022, e para ser publicado hoxe –primeiro día hábil para a prensa de 2023–, pódese prestar para resumir –e no seu caso, rectificar– o ton crítico con que case sempre focamos os asuntos que son do común interese. Non é momento nen lugar para unha exposición do papel da crítica no coñecemento, mais si podemos aseverar que forma parte dun método de coñecer para poder compartir, dialogar e emprender accións que sexan de interese, no plano da mellora social.

É precisamente neste plano da acción social, no noso caso da política nomeadamente municipal, no que levamos desenvolvido unha boa serie de artigos centrados na vida cidadá de Lugo. A insistencia en coñecer os procesos de toma de decisións, do apoio técnico requerido, do desenvolvemento dos acordos, da busca de financiamento e, finalmente, a execución das obras ou das accións municipais –nacidas dunha estratexia– son decisivas, tanto polo seu proprio contido, como polas consecuencias derivadas para a cidadanía.

Os procesos de toma de decisións deben ser transparentes (non é un desexo meu, é de lei), por tanto, coñecidos e postos a dispor do coñecemento dos cidadáns. As decisións adoptadas sen transparencia vician os procesos de toma de decisións e incapacitan á institución pública a esixir cumprimento dos procesos e das normas. É unha simples cuestión de legalidade, nuns casos, e, noutros, é seguimento do código de boas prácticas, que aparece nas leis nos preámbulos dos contidos normativos.

Casos e exemplos hainos a diario e, por non utilizar un proprio de Lugo, citaremos o Boletín do Parlamento que, para o meu asombro, recolle, por veces reiteradas, a petición á Xunta da documentación de contratos coa empresa X. O só feito de pensar que poida haber algún motivo de ocultar ao coñecemento do Parlamento o contido dun contrato realizado para servizo público por administradores dos fondos públicos, xera unha sospeita certa de corrupción. Que pode facer un goberno que deba ocultar ao Parlamento? Coa excepción dos segredos de Estado, nada que non se poida saber, interpretar, criticar ou controlar.

Os fondos públicos non son do goberno (aínda que haxa alguén que ande difundido tal canfurnada); son fondos que proceden maiormente da recadación de impostos que con moito traballiño imos pagando entre todos –uns máis que outros– e de cuxa administración encargamos ao goberno para que deseñe e execute as accións proprias da administración do común. É unha obviedade –que se adoita ultrapasar– que cando elexemos co voto os representantes parlamentares, que a súa vez elexen o goberno, facemos un encargo, delegamos a administración dos fondos públicos disponíbeis.

Non doamos nada, non entregamos dominio nen disposición libre sobre nada; só facemos un encargo de administración dos bens comúns, dos intereses común e dos ingresos comúns. Por esa razón, por sermos os donos lexítimos dos nosos destinos como cidadáns, estamos asistidos do dereito á información completa e veraz e sometidos ás obrigas contempladas nas leis, mentres estexan en vigor. Ora ben, sempre envolvidos dun contido democrático das accións de goberno na súa totalidade (Continuará).

Comentarios