Opinión

O recibo da electricidade

Témonos referido á singular relación das empresas eléctricas co Estado. É unha relación íntima, antiga, que afunde as súas raíces nos privilexios: uns conseguidos no mesmo cerne da guerra de sublevación e, noutros casos, pola súa asociación co poder económico bancario tamén máis vetusto. Uns financiaron á parte sublevada (e vencedora da guerra incivil) e outros viveron como parte industrial da carteira accionarial dos bancos (cando iso existía). Esta característica histórica traída á forza permite entender en parte o acceso directo ao Boe que teñen os produtores/distribuidores de enerxía eléctrica en España, é dicer, a elaboración ministerial do proceso regulamentador das condicións en que se comercializa a enerxía eléctrica, e, por tanto, como se tarifa.

Como non hai maneira humana de viver sen subministración eléctrica e ademais están tamén cautivas polas normas legais as posibilidades de producir electricidade para autoconsumo, estamos obrigados a contratar coas empresas que existen nas condicións que elas marcan: non se pode contratar potencia distinta por meses, por días ou por horas. Os tramos de potencia están marcados polas empresas e todas oferecen o mesmo. A tarifa marcada do consumo é identica, independentemente da proximidade, distancia ou participación comunitaria no proceso de produción da electricidade... É dicer, factura igual unha utente madrileña que usa electricidade producida na Galiza (e que foi transportada 500 quilómetros) que os habitantes do Saviñao ou Chantada, ou Portomarín ou no Val da Barcia co encoro ou coa central témica nos seus fociños. Paga igual por kw consumido unha infravivenda con subministración que a familia máis poderosa do lugar.

E se unha persoa en paro coas axudas rematadas non pode pagar o seu recibo, en primeiro lugar, córtase a subministración e despois, se cadra, miran (é o método americano nos filmes: primeiro disparar e despois mirar). Outra evidencia pálpabel no presente escandaloso de aumento de prezos é a composición do recibo: fixeras o que for, mesmo consumir cero, pagas, porque o 47% (aproximadamente) do tarifado non é consumo, son impostos e subvencións ás empresas eléctricas que pagamos entre todos de forma absolutamente inxusta xa que retribuímos todos por igual, desde os titulares de rendas moi pequenas até os máis opulentos do lugar: tanto ten, hai que contribuír como ‘paganinis’ ás necesidades de empresas moi pouco competitivas (ou capaces no sentido xestor moderno) pero con poder abondo para manter vía Estado (na marcación das tarifas) garantía sobrada de ingresos elevados ou moi elevados. Quen, sen querer facer bulra da intelixencia, é capaz de explicar o conceito económico que aparece nos recibos e que se chama: "Facturación por peaxe de acceso" e "importe por marxe de comercialización fixa", ou "importe por peaxe de acceso" e "importe por custo da enerxía", cando retribuímos a parte do consumo realizado.

Así mesmo, o chamado imposto especial eléctrico é o estabelecido por definición para as empresas que subministran, polo feito de selo. E, finalmente, o Ive que grava co 21% todo o anterior sumado. De non mudar a política económica e a relación íntima co poder das eléctricas pouco é esperábel.

Comentarios