Opinión

Regras de hixiene

Na pandemia observamos cousas que, sendo sabidas, non se practicaban moito. Pero falta un treito para interiorizar normas e se conducir de modo que vaiamos creando hábitos sociais máis hixiénicos. Como o resultado observado da vacinación masiva non é o esperado, vólvese recorrer ás recomendacións de atención para manter un certo nivel no control da extensión da pandemia. Observouse que non dá os resultados esperados contar cun 90% de inoculados: non hai inmunidade de rabaño, máis ben diriamos que falta rabaño para tanta suposta inmunidade.

Constátase que o abandono das precaucións do ano pasado trouxo consecuencias non desexadas. Evidenciouse que é inútil vacinar unha parte do primeiro mundo nun momento en que as relacións mundiais implican movementos indispensábeis de mercadorías e, por tanto, de persoas, dobrando o Cabo de Fornos e todos os que haxa que sobrepasar: xusto iso é o que quer dicir a globalización. O aspecto exclusivamente financeiro do fenómeno non é real. Trasládanse os combustíbeis, os minerais, outras mateiras primas, os bens industriais elaborados, os semielaborados, as persoas que os transportan, os traballadores do sector servizos moi cualificados e menos cualificados... E non citamos os desprazamentos por ocio ou turismo en que, se ben son prescindíbeis desde a perspectiva individual, hai unha parte da economía dalgúns países que depende da súa existencia. Logo, os desprazamentos existen mentres exista esta maneira de nos relacionar en asuntos de economía, sexan desexados ou non. 

A economía dos países máis ricos do mundo en maior ou menor medida depende hoxe da existencia do comercio con mercadorías de calquera parte do mundo: o Reino Unido depende para se abastecer de alimentos do resto do mundo, Alemaña depende das subministracións de certos minerais de África, por exemplo. En España, se non hai Asia non hai microchips e non hai industria de automoción que funcione, etc. É por tanto un soño dun iluso pensar que vacinando os meus coñecidos e deixando fóra o resto do mundo (chámese  Africa, Asia e América Latina) vou ter protección e vou poder reconstruír a vida anterior a 2020. Ese soño non obedece ao exame racional da situación e haberá que reconducir hábitos e condutas preventivas, xa que se está vivindo a sexta onda de contaxios entre unha poboación supostamente protexida. 

Abandonáronse prácticas e hábitos que foron decisivos: nos centros de ensino foi eliminada a distancia física entre escolares en todos os niveis. E, visto que as normas de construción que existían non garanten unha ventilación axeitada, non se pode ventilar como sería preciso, e, no máximo da despreocupación, hai escolares sen máscara, mesmo, din, con autorización médica. Volveuse masivamente aos estadios de fútbol (con máscara?). Non hai rigor no control do vacinado do persoal sanitario e das residencias. 

Por todo isto, gardar a distancia física, levar máscara en presenza doutros, lavar as mans con sentido e observar prácticas de hixiene como se estivésemos diante dun mal que de momento non ten cura serviría para evitar contaxios, que tamén, de momento, é a mellor medicina.

Comentarios