Opinión

Resaca despois do botellón

AÍNDA MENOS mal que o Arde Lucus só durou catro días; se non, de ser máis longo, os efeitos colaterais serían tamén en proporción moito maiores. Facendo uso da demagoxia dominante, tamén nos podemos apontar ás falacias que relacionan unhas cousas con outras e, sendo como son, paralelas, atribuírlles a causalidade, cando no mellor dos casos só é casualidade; por exemplo, vai e cae o viaduto da autovía A6, comezan os incendios nos montes, rebrota a pandemia, só suspende o 7% na selectividade (hoxe Abau), tardan meses en dar as notas das oposicións da Xunta, tardan máis meses en dar unha licenza no Concello de Lugo, o lixo continúa nas rúas rebosando os contentores aqueles de última xeración, que custaban, cada cubo, un millón das pesetas daquel tempo....

Dicimos botellón porque o Arde Lucus é un botellón ou antroido dos tempos actuais, mais coa vantaxe engadida de se celebrar na primavera, co que non hai pulmonías derivadas de saír á rúa, en canelas os homes, e en túnica vaporosa as mulleres (nenos e anciáns levan o que lles poñen). Ao ser en tempo primaveral, polo xeral seco, solleiro e de longos días, hai moitas horas para estar na rúa facendo actividades ao ar libre, beber ao ar libre, comer ídem e durmir a cargazón (?) ao ar libre tamén.

As actividades fundamentais consisten en saír cedo de casa (o primeiro día, logo xa se vai vendo), realizar esas funcións que citei antes, comparar o disfrace propio co dos coñecidos e amigos, aprender a distinguir os modelos elaborados con certo primor dos que son de chino mandarín, fixarse para outro ano nos complementos que faltan (adornos florais, xoias, artigos de pel, calzado...), facerse fotos do dereito e do revés; en fin, unha especie de catarse colectiva para comprobar o necesario que é beber para esquecer. Os efeitos directos do botellón só podería telos cifrados despois de coñecer as seguintes cifras: número de ingresos hospitalarios por coma etílico ou por efeitos perigosos da inxesta excesiva de alcohol, sobre todo en menores de idade. Número de atencións prestadas nos centros hospitalarios por lesións producidas en pelexas na rúa ou en locais pechados (nomeadamente, traumatismos, lesións de arma branca, delitos contra as mulleres...). Número de denuncias nos centros policiais ou simplemente de queixas por uso desaforado da liberdade individual por riba dos dereitos dos demais. Número de asistencias na propia rúa que non precisaron ingreso. Hectolitros subministrados aos bares de Lugo polos maioristas de cervexa en todas as súas presentación mais maiormente de barril porque os cacharros de case un litro, en vaso de cartón floxo, son os dominantes nas mans dos visitantes que o pasan ben en Lugo, e, a un prezo módico, pódese beber igual que en Mallorca facer balconing.

En fin, ganas de festa hai, compromiso para lle facilitar o labor ás empresas que percorren Iberia e outros lugares, tamén, porque esperaban o fin da pandemia para poder volver a nos sumerxir nos misterios da cultura romana, vista desde os nosos días, e, asemade, facer caixa.

Comentarios