Opinión

Sanidade nova

DESDE QUE hai novo goberno no Estado, temos desexos de modificar algunhas cuestións que levan bastantes anos durmindo ou toupeneando sen innovacións, e, por se houbese alguén con desexos de mellorar métodos de racionalización do gasto e dispoñer de prestacións tamén novidosas, permitímonos apontar unhas consideracións sobre como facer, por unha banda, aforro de custos e, por outra, abrir a porta a novas prestacións. A busca de aforro en gasto farmacéutico ten sido non só perseguido senón conseguido en parte de forma certa. Non obstante, non se pode cualificar do mesmo xeito o método ou a eficacia por estrato social atinxido.

Así, por exemplo, non foi igual o aforro conseguido coa eliminación de certos preparados de moi elevado consumo e que foron clasificados como non necesarios como medicamentos de curación, a redución a xenéricos de certos outros, ou o pagamento do 30% —prezo do medicamento— que se mantivo sen modificación para os funcionarios xubilados. É evidente que o pagamento de medicamentos en forma de copagamento (rexime xeral) ou do 30% dos mufacistas (funcionarios do rexime de funcionarios públicos hoxe en extinción, pero vixente) afecta de moi distinta maneira á renda dos perceptores de pensións de xubilación públicas que a calquera outro usuario da sanidade pública con ingresos derivados de rendas de capital (desde accións a alugueres inmobiliarios ou calquera outra de orixe semellante). É tamén unha evidencia que non se ten considerado que existen alternativas aforradoras en moita maior medida. Así, por exemplo –como se fai noutros países–, pódense expender os medicamentos de todos os doentes controlados na sanidade pública, hospitalizados e non hospitalizados, desde o propio sistema de sanidade.

Cun mecanismo de subministración á sanidade pública por parte dos fabricantes, de acordo con todos os requisitos previstos na lei de contratos públicos, os medicamentos poderían ser subministrados directamente coa prescrición adecuada no sistema existente de sanidade pública. Non parece que se derive nengún beneficio público nen social de que as compañías farmacéuticas campen polas súas anchas na sanidade pública despois de fachandear de que son suxeito de control pola regulamentación existente. Chegou a se dar unha situación cómica (demostrativa de quen ten o poder): unha vez receitado un medicamento xenérico de substitución do de marca, a industria modificou o prezo da marca por baixo do xenérico.

E, agora, seguindo coas propostas de cambio, permitímonos perguntar até cando se deberá esperar para que a seguridade social amplíe as prestacións en saúde bucodental ás capas de poboación máis vulnerábeis. Imaxinemos como haberá de financiar un arranxo dental unha persoa xubilada cunha pensión de 800 euros? Ten dereito a implantes? Haberá de se contentar cunha dentadura postiza? Deberá pedir un crédito solapado nunha desas clínicas que logo desaparecen da noite para a mañá? O coidado da boca é prescindíbel ou debería haber un rexime tendendo á público para ir tratando a unha poboación —con pouca capacidade económica— no momento da súa vida máis necesitado destas atencións? Noutra ocasión, ocuparémonos dos audífonos, dos lentes e dos ascensores.

Comentarios