Opinión

Sanidade pública (e II)

SEGUIMOS FALANDO dos problemas da sanidade pública galega porque hai problemas: os xefes de atención primaria de Vigo non demitiron por capricho. O servizo de urxencias do CHUS non se puxo de folga por capricho, e continúa, nen porque sexan comunistas roxos perversos, nen sequer pouco responsábeis, senón que deixan ver que son todo o contrario: profisionais responsábeis que pretenden traballar mellor e cumprir cun servizo público decente. Imaxinemos que nós non vemos os problemas, non os observamos, que non os temos sofrido, que opinemos que é unha sanidade boísima en termos relativos, xa que absoluto non hai nada máis que a morte —e, aínda así, hai crentes na reencarnación—; en fin, que non fósemos quen de observar deficiencia algunha, e, non obstante, hai problemas, e o pior, que non levan camiño de quedar resolvidos.

En análise sociolóxica temos observado que se considera a realidade social como un obxecto de observación construído con varios elementos dos que a idea social que se ten sobre unha realidade é un dos seus componentes. É dicer, a idea construída forma parte da realidade das cousas sociais que deben ser examinadas en termos materiais e mais no que se pensa que son. Se hai unha idea social de que en sanidade hai problemas, haberá que xestionar este conflito por parte de quen ten a responsabilidade competente. Sabemos que todos os humanos somos iguais a ollos da natureza —todos nacemos e morremos igual—, todos nos vemos afectados polas mesmas enfermidades, todos sofremos, padecemos e nos alegramos polas mesmas cousas, ou como na personaxe de Shakespeare no Mercader de Venecia, "acaso non nos alimentamos do mesmo, non nos feren iguais armas, acaso non curamos cos mesmos medios?"... E, porén, a realidade material é que hai unhas diferenzas sociais, coñecidas e recoñecidas por todos, que dan como resultado vidas moi diferentes: entre homes e mulleres, entre brancos e negros, entre cristiáns e musulmáns, entre proprietarios e desposuídos…; e unha componente moi importante da desigualdade é a idea que domina socialmente sobre o que é cada quen: hai unha idea dominante do que son as mulleres (creada polo poder masculino) e hai unha adaptación feminina mesmo con sofremento á esa idea dominante. Hai unha outra idea dominante sobre o que son os dereitos e o rol que cada cidadán deberá desenvolver en sociedade, idea sobreposta á realidade social do painel de dereitos de que gozan os cidadáns nesta sociedade.

A idea dominante, a idea que se sobrepón á realidade material, pode ser decisiva en momentos de cambio social ou, en momentos de crise, ser retardataria no referente ás solucións posíbeis dos diferentes conflitos. Estes existen sempre, véxanse ou non, porque a sociedade, por sorte para os humanos, é dinámica, está suxeita a movementos constantes e o que onte era perfeito hoxe pode non valer, e, tamén, o que onte foi ensaiado e fracasou pode ser hoxe solución para a nova realidade. A intelixencia do xestor, xa non digamos do gobernante, está en resolver os conflitos e non en agochar apuradamente (mediante propaganda) a evidencia da súa existencia.

Comentarios