Opinión

Seguimos insistindo

NUNHA OCASIÓN asistín a un acto lúdico/ político: un viño con discursos, posterior á toma de posesión dun membro do goberno galego. As declaracións de intencións sobre o futuro labor do protagonista do citado acto eran penosas, ou, como se dicía no filme Mentes perigosas, daba vontade de trousar. O meu acompañante —ao ver a miña cara de asombro— dixo: "Se isto é así non nos quedará máis remedio que axudar, xa que a nós vainos a vida nas súas accións, ou na falta delas".

Exactamente esa mesma intención perseguimos ao insistir na necesidade de que o presidente da Xunta elabore un plan de acción de goberno para levar a cabo accións concertadas de industrialización, reindustrialización e investimento con vista ao crecemento pola única vía segura de creación de emprego con futuro: a industria propia. A nós, persoalmente, non nos vai a vida no sentido literal do termo: non estamos en idade de busca do primeiro nin sequera do segundo emprego, mais si estamos moi cerca do interese común de ver como Galiza sobrevive, e vive, en condicións moito mellores das presentes, que cualificamos de arrastradas pola pendente da desidia.

En Galiza o emprego industrial (estatísticas oficiais, 2018) ocupa 141.442 persoas, nun total de 12.989 estabelecementos ou plantas. É incerto que o emprego industrial galego dependa das grandes factorías que saen un día si e outro tamén nos medios de comunicación. Grandes factorías, entre elas as famosas Alcoa, Citroën..., empregan non máis de 11.000 persoas: son o último elo dunha cadea mundial desas compañías multinacionais que teñen un único vínculo co país: o lugar de instalación dunha fábrica en condicións vantaxosas, en comparación con calquera outro lugar do mundo. No momento que esa vantaxe competitiva desapareza, desaparece tamén como por encantamento a factoría: levanta voo, que é exactamente o que fai agora Alcoa. A súa desaparición non tería máis significación que constatar o feito do desinvestimento, pero isto sucede despois de desfrutar de privilexios ao longo da súa vida na Galiza, privilexios que para si quixera calquera mediano empresario, por exemplo, do sector de transformación cárnica: queremos dicir vantaxes económicas de todo tipo, desde electricidade abundante e barata, man de obra barata e dócil, infraestruturas á carta, avantaxes fiscais e subvencións directas ano a ano.

O emprego industrial nas empresas multinacionais estabelecidas na Galiza, de capital non galego, é unha mínima parte do emprego industrial: así, o conxunto da industria alimentaria —de capital galego e proxección mundial— ocupa máis de 32.000 persoas. A industria que lle interesa ao país é a de capital propio, pola razón esencial de que a realización do negocio depende en parte da estadía no país: as vantaxes de localización, de recursos, de saber facer, mesmo de dominio dos mercados desde aquí, de man de obra cualificada son á vez vantaxes para o país. Unha cousa é internacionalizarse desde a base galega como é o caso das grandes conserveiras galegas, e outra moi distinta ser a última factoría dunha multinacional de Pittsburgh como é Alcoa.

Comentarios