Opinión

Semana de paixón

OS ENTENDIDOS en socioloxía política –mesmo tendo un pensamento de liña conservadora– sempre predicaron das boas cualidades dun goberno sensato, que, en lugar de crear conflitos sociais, fose quen de resolvelos. Semella que non estamos gobernados por alguén con esas características. Non é preciso se referir á inxustiza que se agocha nos recortes de soldos e salarios para pagar a crise financeira. Non temos por que lembrar a bulra de subir as pensións máis baixas á galáctica cantidade de 2 euros mes, e escoitar dicer que se sobe!!! Non debemos tampouco acudir á memoria dos desafiuzamentos nun Estado cunha lei hipotecaria con orixe no século XIX e cualificada como a máis obsoleta de Europa. Mesmo na páxina web dos notarios e rexistradores de España (estou certa de que o Presidente do Goberno español coñece), no apartado doutrina pódese ler unha valoración moi negativa sobre o procedemento xudicial de execución hipotecaria (ineficiente e pouco equitativo, sic) e tamén da necesidade de levar a cabo reformas legais que muden realmente a dirección da solución dos problemas e que non creen un novo: "As reformas non resolveron o problema de accesibilidade á vivenda (…) agora hai que solucionar (tamén) o dos fogares desafiuzados como consecuencia dun desaloxo derivado do non pagamento da hipoteca". Por se tivésemos dúbidas da autoría da aportación sobre as leis e a súa aplicación, comprobamos que o autor (D. Julio Rodríguez) foi Presidente do Banco Hipotecario de España, seguramente bastante versado no tema e con autoridade dabondo como para nos guiar coas súas análises.

Se entramos en zona de pánico social, debemos encamiñarmos ao tema das pensións. Hai uns días departía cun amigo médico que se mostraba moi preocupado pola afectación de risco de pobreza en comarcas mariñas do noso país. En concreto, referíase ao Barbanza: hai máis de 10.000 persoas no límite da pobreza. A súa preocupación, descontando á humana normal nunha persoa con empatía social, ía máis alá: como se pode implementar unha política sanitaria universal, pública e equitativa se hai unha parte da poboación que non vai poder cumprir cos mínimos dunha vida saudábel? Como lle pode dicer aos pacientes que para levar unha boa vida en busca da saúde, á parte de se curar da enfermidade, teñan prácticas de vida que requiren coñecementos e hábitos sociais sans nun ambiente social adecuado?; como vou ser quen (coa lóxica actuación individual dun médico) de contar coa colaboración dun doente sen acceso a unha alimentación de mínimos en nutrientes requiridos? Decateime de que a súa preocupación ía moito máis aló do que, no exercicio da súa encomenda profesional, lle podería ser esixido, pero tamén da necesidade social de contar con cidadáns responsábeis que poidan incidir eticamente na cohesión social, aínda que só sexa como contrapeso da frivolidade difusora de inxustiza con que nos agasalla o goberno. Un outro aspecto a ter en conta parte da arqueoloxía da investigación económica: cando se fala das baixas pensións galegas habería que examinar a orixe da cotización, pero ese tema require trato á parte.

Comentarios