Opinión

Utilidade do ensino (I)

FACER UNHA ANÁLISE sobre a utilidade do ensino podería facer pensar que pretendemos levantar unha polémica sobre un acervo social non discutido desde hai case un século; non obstante, consideramos que o dereito ao ensino, á educación e á cultura son hoxe en día indiscutidos e indiscutíbeis. Analisar a utilidade do ensino impartido significa examinar os resultados dun instrumento público e supostamente universal dedicado á impartición dese ben querido da cultura, da distribución dese ben no plano elemental e medio, así como a eficacia do uso dos fondos públicos destinados a tal obrigado cumprimento.

Os receptores do ensino obrigatorio son en principio todos os cidadáns nados ou residentes no Estado Español e, no caso concreto de Galiza, todos os residentes en idades de 6 a 16 anos sexan ou non nados aquí. A Xunta ten competencias plenas en materia educativa obrigatoria aínda que no momento presente a invasión material do Estado na regulamentación e impartición teña sido nos últimos anos cada vez máis esmagadora: materias en cualidade e en cantidade, tipo de ensino, títulos, programas, bolsas e circuítos de promoción para o ensino secundario e superior, son algunhas das invasións de competencias feitas cun afán unificador só debedor da ideoloxía do pensamento único madrileño.

Interésanos coñecer se o destino dos fondos públicos para o ensino público ten un bon uso. É dicer, se o uso que se lles dá ao longo dun período superior a unha lexislatura cumpre o fin para o que foron creados. E plantéxansenos dúbidas que non teñen unha resposta doada. Así, por exemplo, non é moi fácil de explicar que haxa hoxe, en Galiza 2016, 1,9% analfabetos adultos, de máis de 16 anos. Analfabetos–analfabetos, non analfabetos funcionais, aqueles definidos pola impericia absoluta á hora de interpretar os signos alfabéticos. Non é moi doado de entender como entre Xunta, Ministerio/s correspondente(s) e Concellos deban organizar circuítos paralelos ao ensino regrado para recolleren os expulsados do sistema obrigatorio e universal. Non se entende como existen e son pagos con fondos públicos programas de inserción laboral para persoas sen a titulación elemental obrigatoria. Non podemos explicar como despois de 10 anos de escolarización exista un colectivo de rapaces abocados ao chamado fracaso escolar. E, por suposto, non podemos entender como -no cimo da ineficacia- as máis elevadas cualificacións faculten os excelentes a emigraren e os restantes a daren voltas como subempregados nun mercado laboral depredador.

Se o ensino serve para algo, débese corresponder coa cobertura dun dereito fundamental cal é o acceso aos medios que proporcionen aos cidadáns -a todas e a cada unha das persoas- os instrumentos básicos para se desenvolveren con soltura cultural na sociedade contemporánea. Debía ao mesmo tempo ser un medio de inserción dos infantes no mundo civilizado: quérese dicer que o ensino público ha ser un elemento activo de promoción
social, tamén de mitigar a desigualdade social de partida e asemade unha componente privilexiada do reparto da igualdade de oportunidades, non asociada ao feito de estar inscrito nun rexisto civil.

Comentarios