Opinión

Un anaco de democracia

OS ACONTECEMENTOS políticos post-eleccións galegas teñen tintes de estourido e non precisamente pre-San Froilán.

Observamos estupefactas -é dicer, coa boca aberta e sen dala pechado- como o presidente do goberno en funcións desde o mes de decembro pasado fuma puros esperando como na canción difundida (iso na miña infancia, antes descoñezo) por Sarita Montiel. A espera facía alusión á chegada dun suposto amante. No feito de fumar, segundo a cancioneta, agachábase un pracer, espello doutro non citado pero perfeitamente deducíbel e de interese material moi superior ao de aspirar o fume. Pois ben, o presidente en funcións pódese permitir agardar, só agardar, a que vaian facendo efeito as sucesivas doses de medicina informativa espallada aquí, alá e acolá en forma de argumentario ou libelo creador dunha realidade axustada aos seus intereses. Eu persoalmente non entendo a formulación de que gañasen as eleccións nen en decembro nen en xuño. Teñen máis votos e máis escanos que outros partidos; foi encargado dúas veces de formar goberno tras unha investidura mal pactada e fracasou dúas veces por facer só unha fumata. Se existise algunha negociación con alguén máis que cun partido cuxa achega é insuficiente, teríase sabido. Se tivesen redixido unha proposta de acordo con grupos das Cortes máis pequenos pero con votos e achegas suficientes, teríase sabido. Se tivesen desexos de resolver a problemática cuestión do novo goberno, saberíase dos intentos de fórmulas doutro tipo. E, non obstante, por toda xenial estratexia, propia dun galego listísimo (aínda que, nado en Santiago, habitante de Pontevedra, veraneante en Sanxenxo, todo pertencente como é sabido, á Galiza exterior, xustifícase que non saiba falar galego), todo o que se lles ocorre, para trasladar o seu fracaso, é responsabilizar o partido da oposición -PSOE-, compañeiro en alternancia durante a transición e democracia posterior. E, coma no circo, agora vén o máis difícil aínda! O PSOE non só non devolve a bóla senón que lle queda pegada ás maos emporcándose con ela. Até tal ponto actuou a maxia que a estratexia do deseñador do puro atopa amplísimo eco en medios antigamente tildados de virar cara á esquerda. E, xa nestes días, o remate. E neste caso é ben chamarlle remate porque se está demostrando que o poder económico, o mediático e o de control da propaganda difundida torce a realidade material dos feitos para acabala adecuando aos desexos do poder, chamadas necesidades ou caprichos de autor. Pódese -en nome do que se di que debe ser (que goberne o PP) dar un golpe de mao no partido dos contrincantes para forzar unha aniquilación da vida interna dun partido. Menos mal que son constitucionalistas, que se chegan a ser forxadores dun futuro anovador acaban cos adversarios no sentido literal de acabar. No meu caso, sen conexión vital algunha cos partidos españois, escandalízome ao contemplar como cuns cantos medios de comunicación ben dirixidos e orquestrados se mudan realidades, feitos evidentes, vontades, razoamentos e, mesmo, a construción colectiva da existencia. A propaganda é unha arma de destrución masiva non identificada.

Comentarios