Opinión

Usos e abusos na pandemia

Hai unha serie de feitos que chegaron coa pandemia, e máis concretamente na etapa de confinamento, que por razóns de desidia, comodidade ou aforro en custos e traballo van ficar. Antes de saber cal era a vía de transmisión do virus que nos ten tan ocupados, fíxose todo o que se puido en evitación de calquera medio de contaxio. Hoxe é sabido que só se transmite de persoa a persoa, por vía aérea e cun tempo de exposición mínimo relativamente salvábel coa máscara. Non é entendíbel que non haxa xornais en papel nos mesmos sitios que en 2019. Os xornais non teñen a pel do diaño. Pódense tocar e mesmo ler sen coller unha doenza. Bon, ás veces pódese enfermar vendo o que din que pasa, pero o papel non ten culpa ningunha do que lle escribiron. Sabido iso, tampouco se entende como en moitos restaurantes eliminaron a presentación do seu menú/carta en papel. Sospeitamos que a única causa desta medida é a comodidade e o aforro de papel —ou de limpeza— fronte ás outras presentacións das informacións ao cliente. Non hai xustificación pandémica que valla. Non é necesario. Tampouco atopamos explicación, xustificación ou causa necesaria para que en oficinas públicas, con atención ao público, teñan practicamente eliminado, pola vía das trabas chamadas da pandemia, a atención presencial ao público. É igual que dicir que diminuíu a atención ao cidadán. Ben interpretado, é o mesmo que sinalar que fican mermados os dereitos dos cidadáns a seren atendidos, ou que teñen que soportar custos e molestias indebidos para realizaren os seus trámites. Hai algunhas situacións e tarefas que, de se realizaren só en liña, significan realmente desatención ou veto de facto á execución das súas xestións. O máximo foi o que lle pasou a un amigo meu nas oficinas do Catastro. Non se pode entrar. Pídese cita previa por teléfono, estando fisicamente na porta da oficina. Dan cita nese momento, e, sen poder entrar na mesma, foi atendido por teléfono por unha funcionaria a 2 metros de distancia, mais á que non te podes achegar nin para amosar os documentos que son causa da consulta. Hai situacións chamadas kafkianas, pero esta é do cine cómico, tipo Monty Python. Semella que a volta á normalidade nas relacións dos administrados coa administración ten velocidades moi distintas segundo sexan os distintos órganos da mesma. En sanidade a evidencia fixo recuperar as consultas presenciais; só a falta relativa de persoal en determinados centros dará recuperado o ritmo de presencialidade anterior á pandemia. En ensino é hoxe maioritariamente presencial a docencia. Porén, en concellos, deputacións e administración central do Estado deixou de existir con carácter normal a presencialidade, sendo só concebíbel a relación do administrado coa administración despois dunha cita previa, independentemente de que haxa capacidade sobrada para levar a cabo atención presencial, mesmo na modalidade de inmediata. Temos dito en numerosas ocasións que hai necesidade dunha reforma da administración pública, mais o camiño non debe ser o de xerar traballo —inútil— aos intermediarios privados, que coñecemos como xestorías.

Comentarios