Opinión

Vacinas con risco

O único remedio válido no presente para superar a pandemia é a vacinación masiva. Non obstante, hai dous aspectos sobre a información das diferentes vacinas que son mellorábeis . Un é a mestura de esperanza con ilusión sobre a aparición das vacinas. Outro, é no escenario da guerra controlada entre multinacionais farmacéuticas polo dominio do mercado, en concreto do da UE.

As informacións negativas sobre os efeitos mortais producidos por certas vacinas teñen sido contrarrestados por comunicadores habituais nos ‘medios’. E observamos unha certa dose de demagoxia e falta de sensatez que dá conta do pouco uso do cerebro para logo falar. As vacinas non son medicamentos prescritos a persoas con certa enfermidade. Os medicamentos prescritos, mesmo os que se subministran sen receita médica, son, ou sobreenténdese en todo caso, que curan en certas condicións e con certas precaucións controladas, síntomas e/ou enfermidades enteiras. Na prescrición médica é requerido que o facultativo valore en forma e no prazo estudado os efeitos negativos posíbeis frente á asunción de problemas de saúde causados polo medicamento prescrito. E desa valoración resulta a receita ou consello sobre uso de medicamentos. Non é uso médico receitar a alguén con posíbel (mesmo, só posíbel) alerxia, un medicamento que está comprobado que pode producir danos a alérxicos, por exemplo. Non coñecemos a ninguén que despois destas practicas habituais en medicina, morra nun prazo de 14 días. Non é comparábel un medicamento prescrito a persoas enfermas cunha vacina para aplicar indiscriminada e universalmente a toda a poboación: persoas sas, con enfermidades crónicas, con enfermidades silentes sen diagnosticar etc. É cualitativamente distinto ou absolutamente contrario. E asumir como normal que morran persoas (neste argumento non caben as porcentaxes) que non terían finado de non seren vacinadas, é un custo non asumíbel máis que polos que falan sen prestarlle atención á máquina de pensar. A razón á contra para esas aseveracións sería: estás disposto a cegas a seres ti o dano colateral que a sociedade no seu conxunto ten que admitir? É dicer, es ti bon kamikaze? E se non, por que non es? Os prospectos das medicinas teñen forma de documento legal no que se informa ao usuario non só dos posíbeis efeitos adversos senón que realmente dan conta das probas realizadas polas industrias responsábeis e nas condicións médicas estabelecidas polo consenso científico, das precaucións a ter en conta e do grau de responsabilidade civil da compañía responsábel. Hai anos de investigación e probas detrás de cada medicamento. No caso das vacinas a urxencia foi por diante do necesario, pero isto non pode valer para asumir sen importancia as mortes e o que poida suceder a medio prazo.

A guerra controlada entre xigantes da industria farmacéutica dáse na medida en que aspiran a un control dunha fracción de mercado o máis ampla posíbel. E é controlada porque a característica destas guerras é non matar o produto porque así desaparece o mercado. É dicer, o debate é entre marcas, non entre vacina si ou non vacina, porque só se trata de gañar mercado.

Comentarios