Opinión

Vai de turismo

Insistimos habitualmente en que só con industria se logra un crecemento económico axeitado aos intereses de todo un país como é no noso, caso da Galiza: o emprego, o arrastre económico cara outras actividades produtivas industriais, conexión con sectores de recursos económicos (agro, gandaría, minaría, pesca…) e, finalmente, a demanda de actividades do sector servizos, garanten una rede de actividade económica permanente. Certamente, tamén, convén diferenciar tipos de industria, porque as denominadas de enclave só utilizan o territorio de instalación como ubicación. A relación económica destas industrias é somente coa compañía multinacional matriz ou co seu sector de actividade, a nível mundial. Por exemplo, Alcoa é un membro da industria mundial de aluminio e a súa vinculación económica é coa multinacional titular do capital, mais non coa restante economía galega. Está instalada aí pero non conectada aí. En troca, a industria galega de transformación láctea, pesqueira ou cárnica naceu na Galiza, vive porque está aquí e crea riqueza no país. O mesmo caso poderíamos utilizar para ilustrar a nosa aseveración traendo a comparación outras industrias xenuinamente galegas como son as de confección, as vinculadas á construción naval, á construción de automóbel, á construción civil… e outras moitas non de menor importancia mais menos vistosas.

Non obstante, e dada a proximidade ao ‘Arde Lucus’, podemos tratar de novo o papel económico do turismo. E convén facelo co plantexamento de rigor que merece o feito de tratar das actividades económicas, porque do seu bon progreso depende a vida das persoas involucradas nelas. Hoxe, para poder promover desde as institucións públicas o turismo, convén ter en conta, en primeiro lugar, que estamos vivendo nunha economía globalizada e non hai competidor pequeno: cada destino procura unha marca e trata non só de conseguir o maior número de turistas/visitantes (depende dos casos) senón de garantir unha corrente perpetua dos mesmos. E, finalmente, o máis interesante, conseguir que a corrente de turistas proporcione cada vez un fluxo de ingresos crecente, xa que de non ser así non pode permanecer como actividade económica. Para ilustrar esta afirmación notemos como, no caso de España, aumenta o número de turistas, mais permanece estábel o ingreso medio por turista e mesmo decrece comparándoo co do países máis favorecidos: os que receben un turismo que realiza gastos elevados en cada viaxe, o que poderíamos chamar turismo non masivo, mais de elevada capacidade de gasto.

O que sucede é que, ao igual que no caso das marcas de produtos de consumo, non hai éxito oferecendo cada vez un produto distinto ou intentando enganar o turista como se polo feito de selo sexa parvo: xogar cos horarios de visita dos focos de interese turístico a gosto do funcionario de turno, oficinas de información ao público con contido non acorde coa das páxinas web, ou cobrar por entrar na catedral e dicer ao visitante (que está de viaxe) que non hai aseos e que debe ir a un bar da proximidade. Quer dicer, neste momento económico xa non se pode obviar un plan completo de definición da marca oferecida, do turista que se busca.

Comentarios