Opinión

Os vellos e a desigualdade social

Despois dalgúns días cavilando sobre os dereitos (futuros) dos vellos, chegáronme críticas negativas e positivas, mais todas co afán de pensar e repensar sobre os dereitos humanos neste campo. Algunhas opinións sinalaban que desde a súa perspectiva e coñecemento directo existían casos de residencias e de trato social moi por riba da impresión xeral que se desprendía —en primeira leitura— das nosas achegas. Completamente de acordo. Só que, no caso da que escrebe, ten o vicio (ou virtude?) de lle buscar explicación aos feitos sociais reflectidos nos grandes números. Así, por exemplo, se existiu a realidade de mortes —numerosísimas— de vellos en residencias, se houbo coñecemento público de non traslado aos centros sanitarios e morreron sós en imaxe cruel de abandono total, se hai (aínda que só sexan algunhas) residencias que semellan campamentos de refuxiados..., hai motivo dabondo para se perguntar onde están as responsabilidades e polo porqué da permisividade social totalmente laxa no que se refere ao trato dado aos vellos. Mesmo agora, cunha parte grande da poboación vacinada, observamos como se seguen producindo —asombrosamente— contaxios en número reseñábel en residencias. Tamén é rechamante como nesas novas se ten sinalado que segue habendo profisionais dos servizos de atención aos vellos que non están vacinados.

O asombro pasa a estupor ao corroborar desta maneira o desleixo social e legal en que se atopan estes conxéneres (do xénero humano), só separados dos demais, por razón de idade. Mesmo analisando as condicións de vida e trato nas residencias que podemos considerar modélicas, é opinábel que o seu bon servizo se deriva da cualidade profesional (o saber facer nun nível de excelencia) máis que do cumprimento dos estándares esixidos por lei a este tipo de centros. É como se no ensino público obrigatorio atopásemos escolas públicas con ensinantes sen título académico, outras con titulados pero en locais deplorábeis / insalubres, e, finalmente, unhas outras en nobres edificios cunhas instalacións complementares excelentes e cun profesorado así mesmo excelente.

Sucede, non obstante, que desigualdades dotacionais á parte, e que teñen a ver máis co edificio que co profesorado, a lei deseña e garante que os alumnos (os seres humanos en idade escolar definida por lei) receben ensino público e gratuíto impartido por profesores públicos con idéntico grau de cualificación e que superaron probas selectivas idénticas: ben se ocupou o lexislador de estabelecer as garantías dos mínimos exisíbeis. Sucede co trato social aos vellos que hai xustaposición de dous desleixos: o do lexislador que consente as desigualdades enormes entre uns centros e outros, e o abandono social que consente tal maltrato. Hai residencias cunhas instalacións boas e cun persoal cualificado e comprometido. Sabémolo.

Pero hai outras que tiñan que estar clausuradas para calquer uso residencial de persoas do xénero humano, polo que é de desexar que haxa modificacións legais, sociais e de ámbito cidadán que enterren todo aquilo que poida contribuír a un mal viver coa soa esperanza dunha morte certa e dolorosa. A estadía nunha residencia, sexa cal for o motivo do internamento, non debería contribuír ao sofremento humano na derradeira etapa da vida.

Comentarios