Opinión

Virus global antes da economía (I)

É INEVITÁBEL tratar dos efeitos do pegañento COV-19. E é inevitábel tamén pensar nos efeitos económicos que imos sofrer como consecuencia da crise desencadeada en toda Europa, en China e mesmo en USA. De momento hai unha serie de feitos que se nos están mostrando coa mesma evidencia con que se amosou a falta de dilixencia. Antes de ter un só afectado no Estado español encárgase a un médico experto en crises sanitarias e mais en capacidade comunicativa ao público, a información diaria do sucedido noutros países, o comportamento do virus, as precaucións individuais a adoptar e tamén un fluído de confianza suprema no sistema público de sanidade. Afortunadamente, dicíase —e concordamos—: temos un dos mellores sistemas de sanidade pública do mundo, e, dito isto, acompañábase dunha especie de superioridade soberbosa que non sabemos se pretendía aterrorizar o virus ou delegar unha confianza autocompracente da cidadanía na sanidade pública. 

E aquí está o primeiro erro cometido: a sanidade, mesmo un sistema de sanidade excelente, non é máquina de organización social. A sanidade non organiza a vida en sociedade. A responsabilidade de enfrontar un problema desta envergadura é política, non é delegábel nunhas rodas de prensa que —ben levadas— non son o mesmo que tomar medidas. E medidas habería que ter tomado para illar o mellor posíbel, por non dicer de todo, a maior parte posíbel da poboación. Non houbo —nen hai aínda— control de viaxeiros en aeroportos, portos, estacións de ferrocarril, de autobuses, nos hospitais… Cando a organización do MWC (Congreso Mundial de Móbiles) decidiu suspender a celebración en Barcelona, non foi entendido, e outros pediron compensacións económicas de forma inmediata. Outra lección: deberíanse ter examinado daquela moito mellor os motivos da organización para adiar o evento, e ser quen de explicar que os cartos de compensacións poderían ter sido empregados noutros fins, dado que os custos económicos desta crise van ser dun tamaño que nos asusta máis que a pandemia. Constatamos tamén que somos excelentes indisciplinados. Aquí as medidas orientativas, insinuativas ou declarativas non teñen nengún efecto. As únicas medidas válidas son as coercitivas, con aplicación de sanción se non se cumpriren. Imos pagar unhas consecuencias con proxección longuísima por deixar facer. Ou é grave posibilidade de contaxio ou é de brincadeira. Non cabe deixar ao criterio dos cidadáns deixar facer o que lle pareza a cada un. 

Demostrado quedou que o virus é o ser máis democrático deste mundo, pero con tratalo de colega non se asusta. A disciplina como logro social non se compra con diñeiro nen é froito dun cambio de mentalidade. A mentalidade cámbiase, múdase como froito dos cambios sociais e, infelizmente, semella con toda evidencia que non estamos preparados para unha emerxencia deste tipo. O que dá un pouco de mágoa foi que se identificou o feito de seren estados de democracia (Europa) coa imposibilidade de tomar medidas do tipo das adoptadas en China. 

A condescendencia militante (eurocéntrica) usou a burla para rir dos chineses e non aprender do seu saber facer en epidemias deste tipo. 

(Continuará).

Comentarios