Opinión

Vivenda e pandemia

A PANDEMIA está presente de forma totalizadora no cotián das nosas vidas, pero hai vida aínda a pesar da pandemia. Mesmo sabendo que a axenda informativa é marcada como un guión para distraír o persoal, non deixa de ser certo que o problema da vivenda é, para certas capas da poboación, un problema de peso aplastante. En Galiza semella que o exame das grandes cifras nos sitúa ben en relación á media do Estado: en número de vivendas en propriedade, en vivendas pagas, en vivendas baleiras que aparentemente serven para aliviar as tensións do mercado, mesmo en prezo medio da vivenda de aluguer.

As cifras reveladas nas estatísticas oficiais permitiríannos pensar nun problema menor: en 2019 había na Galiza 157.574 fogares que pagaban aluguer pola súa vivenda e a cifra media reflectida sobardaba en pouco os 300 euros mensais. Pero é evidente, tamén, que as macrocifras e as cifras medias ocultan realidades existentes, nas que unha vivenda semella un ben inalcanzábel. O estrato de poboación nova, mozas e mozos cun primeiro traballo eventual, temporal, a tempo parcial, con desprazamentos continuos de lugar de traballo, con salario moi baixo neses primeiros anos —mesmo con garantía de promoción profesional certa— constitúen un colectivo de afectados cunha vida resolvida en moi más condicións de vivenda ou condenados a depender durante longos períodos da vivenda familiar. Os estratos de poboación nova viven e tenden a se concentraren nas grandes áreas industriais e de empresas do sector servizos asociados e esas industrias. Os centros de traballo que oferecen novos postos sitúanse maioritariamente nas cidades, provocando, á súa vez, unha sobrepresión nos alugueres de vivendas que son sempre a primeira opción.

É imposíbel pagar un aluguer dunha vivenda digna e sobreviver cun salario precario dun emprego eventual, parcial, inestábel. Mesmo na escala de empregados públicos altamente cualificados, pasan moitos anos até que o emprego se converte en fixo, as perspectivas de permanencia son fiábeis, e o relativo desafogo permite acceder a unha vivenda satisfactoria.

Unha persoa graduada, con mestrado e facendo o doutoramento para realizar carreira académica de investigadora, non pode pagar un aluguer dunha vivenda individual nunha das cidades galegas onde están estes centros. Os empregados no sector privado teñen moi difícil atopar vivenda digna a un prezo asumíbel e menos se é perceptor dun salario baixo. É economicamente imposíbel viver pagando máis do 50% en vivenda, dun ingreso de 950 euros. O gasto en vivenda e servizos asociados supera con moito esa metade do salario mínimo, verdadeiramente extendido entre os mozos: o salario medio anual das mulleres de menos de 35 anos é de 13.700,4 euros e o dos varóns de 17,751,6 euros.

O problema da vivenda no noso país non vai ser resolvido pola vía do prezo do aluguer. O paro estrutural galego (seguimos ‘emitindo’ emigrantes), a cativeza do salario medio galego, a falta de oportunidades e de perspectiva, son problemas fulcrais da economía galega, que non teñen solución cunha intervención pública no aluguer, mesmamente no sentido en que se plantexa nas discusións que se dan no seo do Goberno central.

Comentarios