Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

Viver co turismo ou viver do turismo

Á PARTE das vivencias persoais que tan ben expresou o meu alumno de Sanxenxo (que comentei no meu artigo último), na focaxe do estudo do turismo dun ponto de vista de motor económico dun país, ou dunha localidade, como era o caso, cómpre ter en conta unha outra serie de cuestións a valorar polos gobernos responsábeis da política económica. Xa que, se foren responsábeis no sentido activo do verbo, veranse impelidos á busca de solucións para o aumento de postos de traballo, tanto no duro da crise, como agora que din tela superado. Mesmo sabemos que este é un bon momento para levar a cabo estas análises, pois semella que o vello mundo económico que oferecía coñecidas certezas morreu.

Desapareceron os traballos fixos, os contratos de traballo poden mudar de forma legal ou de feito –e polo tanto de condicións– varias veces ao longo dun ano. Os alugueres de vivendas poden cambiar case como os traballos, e ter un posto ocupado non é sinónimo de estabilidade nen de perspectivas. Ter aforros en forma de diñeiro ou en forma de bens inmobiliarios pode non significar máis que problemas. Unha carreira universitaria pode ser un pasaporte certo á emigración. E ter unha idade superior á de actividade laboral é sinónimo de se liberar día a día do terror insuflado polos bancos e as compañías privadas de seguros (lembremos o anuncio: vota X para que non supriman as pensións)...

Non obstante, viver do turismo foi o que se lle ocorreu a alguén en tempos do desarrollismo franquista, cando non se albiscaba posibilidade algunha de realizar nengunha outra exportación e había unha necesidade perentoria de divisas. Houbo dúas mercadorías exportábeis, rápidas e xeniais en palabras dos seus promotores: vender emigrantes e vender praia e sol aos estranxeiros.

E aquí estamos, 50 anos despois do que sabemos, escoitando aínda laiar polo turismo. As infraestruturas precisas para asegurar a chegada de turistas son gastos enormes ás veces cun retorno incerto, como sucede coas redes viarias, eléctricas e de comunicación. Son gastos públicos pagados con ingresos fiscais ou con débeda pública, tamén. Sabemos que os custos sociais dos derrames realizados no medio ambiente por un uso abusivo e incontrolado do territorio turistizado deben ser asumidos pola sociedade residente sen opción alternativa, como sucede, por exemplo, co lixo xerado, coa auga contaminada ou cos plásticos no mar. A carga é para os residentes, e a posíbel desfeita para mágoa dunha xeración enteira. Sabemos que ter turistas implica importar alimentos e por tanto influír negativamente na evolución dos prezos dos bens de primeira necesidade.

Temos tamén a certeza de que tanto nas Illas Baleares como nas Canarias turismo non significa riqueza nen autonomía económica senón a maior parte das veces depender dos maioristas (nen sequer fiscalmente españois) que venden, masivamente, viaxes a hordas de amantes do alcohol barato ao ar libre. Hai outro turismo, si, pero hai que deseñalo para que obedeza a unha calidade e prezo que permita compatibilizalo coas actividades produtivas propias, que son as que garanten o necesario para crear benestar.

Viver co turismo ou viver do turismo
Comentarios