Domingo. 21.04.2019 |
El tiempo
Domingo. 21.04.2019
El tiempo

Xardín? Do cuartel

RETIRARON AS MÁQUINAS que levaban un ano medio aparcadas (medio ano traballando e medio durmindo o soño das máquinas abandonadas) no que se pensaba que sería un xardín na zona sur recentemente aberta do vello cuartel de San Fernando. Pero resultou que unha vez rematada a suposta obra, retiradas as máquinas, queda ao descuberto un espazo diáfano, cruelmente á intemperie sen posibilidade de ser denominado xardín porque carece de todos os elementos con que habitualmente caracterizamos aos xardíns: non ten árbores, nen son esperados, non ten parterre con plantas menores nen sitio para eles. Non ten un espazo para herba: nen do país nen a que se lle chaman en inglés ‘ray grass’ coñecida aquí como ‘ballico’, que é moi resistente e esixe poucos coidados, nen asentos para contemplar o sol ou a lúa, ou ler unha novela, ou fumar un cigarro ou falar cos veciños ou... en fin, se sentar. Non hai posibilidades. En lugar de calquera deses elementos citados hai un descampado ou mellor dito un ‘descementado’ dividido —iso si con traza xeométrica— en espazos con divisións entre eles segundo sexa a cor das pedras que conteñen. As que máis chaman a atención son s dunha cor negra: serán basalto? Serán de ágata negra escachada? Ou poderá tratarse de anacos de meteorito en recordación da pedra sagrada da Meca para render homenaxe aos nosos irmáns islamitas? Non sabemos. Pero se cadra nas próximas guías turísticas de Lugo ha ser aclarado, porque o espazo meréceo. A explicación, non a admiración.

Sobre o tema asentos aínda debemos engadir algunha consideración. Hai distribuídos polo espazo tratado unha serie de paralelepípedos construídos de metal a modo de gaiola, recheos de pedra. Pedras que parecen restos de xabre sobrante da penúltima obra de calquera estrada e que compraron a prezo de segunda man. Pero o elemento resultante non serve de asento. É imposíbel que sexa un asento . Analisando as posibilidades da esencia deses paralelepípedos, descobrimos que foron utilizados como solución barata en espazos nos que era necesario impedir o tránsito ben de persoas, ben de automóbeis, xa que son moito menos manipulábeis que calquera outro elemento disuasorio de paso. Por exemplo, en Santiago de Compostela, hainos con esa finalidade (algúns vannos retirar porque se derramou un neno a perna nun choque en patín) e tamén foron observados no aparcadoiro dunha praia controlada por mariscadoras para impedir entradas de vehículos. No espazo urbano, pretendendo ser un adorno ou parte do mobiliario urbano, non, non se teñen visto. Agora ben, ao se tratar dunha innovación, pode ter detrás unha segunda intención. Seguramente é a primeira fase de proba de algo ao que non se lle atopa utilidade e vai dar paso a un concurso no que os lucenses elixan entre modelos de asentos para os espazos urbanos e, dado que está todo inventado, poden facer igual que en Madrid, onde van retirar os bancos da sra. Botella (modelo anti-indixentes) para ser substituídos por outros para compartir: funcionais, confortábeis, respeitosos co medio ambiente, adecuados ao entorno, inclusivos e duradeiros. E só esperar e ver.

Xardín? Do cuartel
Comentarios