Opinión

Xuro ou prometo (e II)

AGORA, DESPOIS de analisar a fórmula de aceptación do cargo de gobernante galego, enténdese perfeitamente unha boa restra de actos que parecían realizados á mantenta para amolar. Poderíamos encetar as citas cun feito que pasou de perfil polos medios de comunicación e que vai traer consecuencias económicas e de soberanía enerxética para o noso país. O goberno bipartito convocou un concurso de produción de enerxía eléctrica eólica para lograr unha certa independencia do petróleo. Os froitos dunha planificación axeitada e a adopción de medidas de política económica complementares permitirían un beneficio tanto económico como social para todo o país. Se as grandes compañías eléctricas non quixesen entrar neste novo deseño sempre podería facelo outro capital que aventaba gaño seguro e condicións de produción moi favorábeis. Así sucedeu: sociedades estranxeiras vinculadas con socios galegos constituíron ao amparo da nova normativa empresas produtoras para aproveitamento de todas as posibilidades de produción nese novo marco legal. O actual goberno, nada máis tomar posesión e xurar esa fidelidade imposíbel, botou abaixo a norma de enerxías renovábeis, paralisando o desenvolvemento económico normal das empresas constituídas. Hoxe, 7 anos e medio despois, hai máis de 15 preitos, no Supremo, pendentes de resolución e unha sentenza firme de condena para o goberno galego de 168 millóns de euros de indemnización, abonábel cos nosos impostos. De momento, levamos perdido, certo, 168 millóns de euros e a posibilidade de regulamentar autonomamente o mercado de distribución galego de enerxía ao prezo que mellor nos parecera.

Na mesma liña de entendemento observamos como, en plena época de recortes orzamentarios para necesidades sociais, séguese petando coa obra pública que realizan empresas multinacionais de capital español, inscritas no núcleo duro do sistema financeiro español, e, non obstante, outros gastos tanto de investimento como de uso social non se realizan. Mesmo nesta época preeleitoral anótanse tantos favorábeis á acción gobernamental exhibindo obra pública feita en período de crise. Cal é o mérito? Acaso aprofundar nos erros do pasado? Cantos miles de quilómetros de estradas van ser necesarios para parar esa tolemia de gasto innecesario? Cantos anos haberán de pasar para que resulten rendíbeis obras faraónicas absolutamente desnecesarias, que, ademais, precisan fondos públicos de mantemento, por mor dunha decisión de fidelidade española e non galega? Por exemplo, a Cidade da Cultura de Santiago no último orzamento da Xunta leva aínda 11,4 millóns de euros (despois de anunciar o seu conxelado), e as Universidades galegas pedindo por caridade unha achega pública suficiente despois de 7 anos de estreiteces sen poder contratar novos profesores. Cantos mozos galegos altamente cualificados, e outros sen oportunidades no país, terán que seguir emigrando para que se considere unha situación de emerxencia social? Non, escoitamos que en Madrid chámanlle mobilidade laboral. Estamos de acordo co de mobilidade —cónstanos que os seres humanos somos semoventes— pero ao lle pór o adxectivo laboral quer dicer que se trasladan de un traballo a outro esperando mellorar, non que cambian de país para procuraren un traballo e conservaren a dignidade persoal.

Comentarios