Blog | A lume maino

A vertixe

O malo é que na realidade, as máis das veces non se pode elexir

Unha muller india protexe ó seu bebé do frío. EFE
photo_camera Unha muller india protexe ó seu bebé do frío. EFE

ESTA semana vivín o regreso ó traballo dunha compañeira que estivo de baixa por maternidade. Ese fío de empatía que une ás nais lembroume canto tempo lle faltaba para volver en varias ocasións, e na noite antes sabía exactamente como se sentía. Un rebumbio de emocións encontradas, dunha banda a porta á liberdade, doutra, a condena a conxugar a utopía da conciliación coa culpa que se agarra con forza á amígdala.

Hai xa cinco anos describín con letra tremerosa o final dunha conta atrás. Remataba a baixa maternal do meu segundo fillo e volvía ó traballo. Da noite previa ó regreso quedoume a vertixe. Sentía que camiñaba polo borde dun acantilado co corazón a mil por hora. Non me chegaba o aire aínda que abrira todas as ventás a un tempo. Era aquela unha estraña mestura de ilusión por reencontrarme coa vida que deixara temporalmente aparcada, e de medo escénico, como cando estás a piques de entrevistar a alguén a quen admiras profundamente. Tiña unha danza de bolboretas nos adentros axitada pola incertidume de quen non sabe que lle agarda ó outro lado, ou si o sabe e teme fracasar ó enfrontarse a iso. Esta semana revivín todas aquelas sensacións coa perspectiva que dá o paso do tempo e o convencemento íntimo de que isto, se muda, faino moi amodo.

As mestras das escolas infantís nas que atrás quedaron os meus pequenos víronme agochar as bágoas alomenos durante o proceso de adaptación dos cativos. Axiña chegaron as présas. As carreiras en tacóns e os xogos malabares coas horas e as olleiras pendurando da cara. A superposición de responsabilidades. A lista interminable de asuntos pendentes. Encheraa boca dicindo que non pensaba renunciar a nada, porque o quero todo, cando en verdade estaba renunciando a moito.

Dunha banda, renunciamos as nais a dar en exclusiva lactancia materna ós pequenos nos seus primeiros seis meses de vida e malia que é o que recomenda a Organización Mundial da Saúde, porque o límite das dezaséis semanas pon punto e final a esa posibilidade e eles teñen que estar afeitos a inxerir outros alimentos. Renunciamos a acompañalos cando a crianza aínda está a comezar. A alternativa, a opción de apostar pola maternidade en detrimento do traballo, aboca a moitas mulleres a interromper unha carreira, a reducir xornadas e salarios, a mudar soños.

Hai xa dez anos que sentín por vez primeira a anguria da separación. Algunhas mulleres precisan como o osíxeno que esta se produza antes a fin de recuperar a súa vida persoal e laboral. Outras necesitan máis tempo para recuperarse. A algunhas, sabedoras de que son tempos que non volven, gustaríanos poder espremer ó máximo eses primeiros meses ó carón dos pequeniños antes de volver a unha rutina que pensa en termos de produtividade.

O malo é que as máis das veces non se pode elixir. E pouco importa se contas ou non cunha rede familiar que soporta as túas ausencias, se dispós de gardería con horario compatible co teu, ou dunha parella disposta a asumir o 50 por cento de todo o que supón ser nai ou pai. E pouco ou nada parece importar que sigamos sendo un país avellentado, que ve como cada ano se multiplican os habitantes maiores de 65 anos ó tempo que se baleiran as escolas.

Con este panorama andamos enredados en igualar a baixa de paternidade á de maternidade. Eles contan desde hai dous días con cinco semanas. A nova lei levaralles ata as dezaséis en aras da devecida igualdade laboral, de dar un pulo definitivo á corresponsabilidade no fogar, de rachar o cristal dos teitos que nos impiden medrar, etc. Temos tan clara a teoría como que dezaséis semanas son insuficientes, pero na práctica a realidade aínda dá vertixe.

Comentarios