Blog | A lume maino

Solange

O INVERNO á beira do Lérez é frío e húmido. A néboa acompaña ó río no último tramo da súa viaxe, pegañenta e misteriosa. Baixo a ponte dos Tirantes parecen emerxer decotío algúns deportistas cuxo ánimo vai curtido pola xeada de primeira hora. Os músculos tensos, aceirados. Co espírito fixado na meta, apartan a auga cara o seu obxectivo con tanto ímpeto coma forza, na procura dunha marca que lles abra as portas das máis altas competicións. Sobre a ponte bulen tamén os atletas. Nin as pedras dos camiños diminúen a súa afouteza. Nalgún intre paran, pero só para coller folgos seguidos dun adestrador cun cronómetro na man que os vai alentando. Véselles a dor debuxada na cara. Apertan os dentes, suxeitan os xeonllos, enchen os pulmóns de aire e volven empezar.

Solange Pereira gañou hai só un mes o Campionato Europeo de Cross por relevos mixto e ó día seguinte era doado dar con ela na contorna da Illa da Esculturas correndo coma se se xogase unha praza para o Mundial de Atletismo. Igual que nos dez últimos anos. Nin vacacións, nin spa. Iso queda para as estrelas do fútbol de Segunda. "Que vacacións? Se queres estar aí isto non sae por arte de maxia", di.

Dar con outros deportistas de elite empuxa á mellor milleira española da historia a seguir adiante cando o corpo está ó límite. Ten a ollada cravada en Doha e mira de esguello para 2020. Hai catro anos quedou a un segundo de Río. Agora, sábeo, é o seu momento. Cara os Xogos corre a canguesa no cinto verde de Pontevedra cada día, itinerario que lle encanta. Non importa que chova ou haxa cero graos. "Estamos afeitos", sinala.

"Se queres estar aí, obviamente isto non sae por arte de maxia"

Como acontece con moitas outras deportistas de primeira liña, nin a súa nómina ten moitos ceros, nin ten a metade de focos que eles apuntando para as súas pernas. É unha das súas teimas. "Sen vós, nós non existimos", advirte ós medios.

Así que hoxe o meu foco é para Solange, unha muller cunha capacidade de superación infinda, que cada mañá dá unha lección de vida a quen se cruza con ela. A milleira mira con admiración á palista do kaiak rosa que suca o Lérez ó mesmo tempo que ela trata de restar segundos ó seu camiño. É Teresa Portela, unha das súas referentes. Pero tamén Mireia Belmonte, Ruth Beitia e Carolina Marín. "Elas dannos máis relevancia", conta. "Sempre estiveron aí, pero parece que se non conseguimos un ouro olímpico non conta".

Soli, como a chaman os que hoxe lle renden homenaxe, naceu en Valença do Minho. Por cuestións familiares viviu un tempo en Fuerteventura e con 17 anos veu dar a Cangas, vila que a adoptou e á que adora. Disque xa de nena lle gustaba correr polas pistas lusas, e logo seguiu facéndoo nas escolas de Morro Jable nas illas, pero a súa vida mudou nas Rías Baixas.

"Su historia sigue y sigue con Tokio en el horizonte como el sueño de los sueños", conta o presidente do Club de Atletismo Rías Baixas e amigo da atleta, Gonzalo Méndez, que destaca o seu carácter loitador e a súa tenacidade. Paciente, traballadora. Non se detén ante nada.

Soli compaxina os estudos de Ciendas da Actividade Física e do Deporte cos adestramentos. Ten sobrados méritos ás súas costas para copar portadas e ser referente dos que veñen detrás. Nin sequera unha caída en São Paulo, cando xa tiña media medalla de ouro ó pescozo, puido freala e este ano conquistou o máximo galardón dos Iberoamericanos. Campioa de España de milla sete veces consecutivas, premios nacionais e ese ouro europeo... Suma e segue.

Da raíña da milla sabemos que os gatos son a súa fiel compañía e o Gatañal o seu lugar para esvaecerse cos partidos trepidantes do Balonmano Cangas. Que soña co Mundial primeiro e a gloria do podio olímpico despois.

"Agora non podo parar", di Solange. Así que a próxima vez que a vexan pola Illa das Esculturas saiban que bule cara Tokio 2020, mileurista e inesgotable. O seu soño é xa un pouco noso, e está a escribir unha páxina na historia do atletismo aquí, á nosa beira.

Comentarios