Blog | A lume maino

Unha fenda coma un río

Piragüistas no Lérez. ALBA SOTELO
photo_camera Piragüistas no Lérez. ALBA SOTELO

A PRIMEIRA hora da mañá a néboa xoga a agocharse pola Xunqueira de Alba. O alento xeado do río Rons dálle unha apariencia de baño de vapor e converte a contorna nun lugar misterioso, coma encantado, atravesado por sendeiros de terra que desaparecen entre a follaxe e por moreas de historias distintas con rostros distintos. Contra o mediodía o sol vai quecendo a paisaxe, e esa alfombra de outono, renxente e ocre, que cubre a Illa das Esculturas convértese nun dos escenarios máis cheos de vida da Boa Vila.

Arredor do Lérez danse cita ao abrente os máis madrugadores: paseantes, homes e mulleres de todas as idades correndo aquí e acolá, algún que outro propietario de cans, fotógrafos á captura da mellor estampa de novembro e incluso nun día calquera, ata un helicóptero da Policía que vixía desde o ceo unha das operacións máis importantes contra a droga.

Pero é que ademais son moitos os deportistas que arrodean o cinto verde de Pontevedra e que elixen este lugar para expremer o seu rendemento. A piragüista Teresa Portela e a atleta Solange Pereira son só dous exemplos. Dei con elas unha mañá, e outra, e outra tamén. A campiona do Mundo é doado distinguila sobre a súa canoa de cor rosa polo cauce do Lérez. Rema arriba e abaixo, imparable. Imaxino á olímpica visualizando a meta da súa próxima competición. Canda ela, arrodeando a Illa, seguindo o curso do río, corre a raíña da milla en España cos ollos postos no Europeo. O seu esforzo vale tanto coma os seus triunfos, aínda que non sempre se cuantifique así.

Véñenme á mente a imaxe dos seus dentes apertando os beizos nos últimos metros, os músculos dos brazos tensos de Portela agarrando a pá para apartar a auga, e os das pernas da atleta, aceiradas pola tesón, logo de horas de adestramento un día tras outro cando recibo unha mensaxe da Asociación de Xornalistas Galegas. "Produtos de limpeza, revistas do corazón, pintaunllas... son os agasallos previstos para as participantes da Carreira da Muller en Barcelona", explican. Arden as redes xa.

E empezan a sucederse as noticias. A fenda salarial no eido do deporte tamén é tan longa coma o cauce do Lérez. As bolsas deles, superiores. Os premios das competicións deportivas, tamén. No caso do fútbol xorde en volta en polémica a imaxe dos equipos masculino e feminino que veñen de gañar o Trofeo Teresa Herrera. Chama a atención que a Torre de Hércules que centra a fotografía delas é cinco metros máis pequeño cá que reciben eles. Pero aínda é máis rechamante que sexa un dos poucos trofeos que se celebran para o fútbol masculino e feminino a un tempo, se non o único.

Segundo a lista Forbes, o deportista que máis cartos meteu no peto no ano pasado foi un futbolista portugués chamado Cristiano Ronaldo, que se embolsou 93 millóns de dólares. A primeira e única muller que aparece nun ranking de cen é Serena Williams, no posto 51 con 27 millóns. O mesmo acontece no surf. A primeiros de ano, Cantabria fora berce da polémica cun campionato mundial de surf cun premio catro veces maior para eles que para elas. En xadrez os premios establecidos para os campionatos masculinos son ata oito e nove veces máis altos cós dos femininos. Suma e segue.

Elas reclaman máis titulares, máis respecto ó seu esforzo. Mellores datas nos Xogos Olímpicos, máis primeiras páxina. Contías iguais para os certames. Acabar coa fenda salarial, coa desigualdade no eido do deporte. Fanno aquí, na porta da casa. Á beira do Lérez. Palada a palada, paso a paso, metro a metro. Entre a néboa ou con sol.

Comentarios