sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Bandeiras e paraugas

Rafa Domínguez (PP)
Rafa Domínguez (PP)

NADA ten que ver a imaxe que amosou na noite do xoves a Alameda coa de hai catro anos. Entón, un PP exultante coa megafonía a todo volume facía bailar ducias de bandeiras azuis con estusiasmo mentres un reducido grupo de socialistas os miraba de esguello agardando que o tempo bulise. Eran horas baixas para o partido da rosa. Catro anos máis tarde, a estampa mudou e contra a medianoite do 9 de maio axitábanse as bandeiras vermellas a ritmo da canción Color Esperanza, fronte ó taboleiro onde se levou a cabo a pegada de carteis na Alameda. Mentres, na Praza do Teucro, un PP desmarcado do resto, arroupaba ó seu candidato.

Máis paraugas que bandeiras, en ambos os dous escenarios. O ambiente comezara horas antes. Mentres que ó Cafetín ían chegando os simpatizantes de Ciudadanos e PSOE, no piso superior o BNG celebraba a súa cea de inicio de campaña. Contra ás 11.30 da noite soou unha explosión de xúbilo. Coma se os de Lores viñeran de rematar a campaña e xa só lles quedase agardar polos resultados.

María Rey foi a primeira da formación laranxa en chegar ó punto de encontro. Na mesa contigua, os socialistas ían ocupando cada vez máis sillas. "María, pasa pa casa", díxolle alguén do PSOE á xa número 2 de Cs. Un anaco máis tarde chegaron os cabezas de lista de ambas as dúas formacións, Fernández e Revenga. Bicos, apretóns de mans. Os socialistas encheron a cafetería. Non faltaron históricos como Chano Esperón, Loureiro, a omnipresente Maica Larriba ou Guillermo Meijón.

Cando faltaban dez minutos para as doce, os comensais do BNG empezaron a baixar e, ó fin, todos saíron á rúa mirando ó ceo. Ambiente de euforia no Bloque, abrazos entre os concelleiros, cos dedos cruzados ás costas ("ai, esa maioría absoluta"). E ledicia tamén no PSOE, algo máis contida. Teñen a onda a favor e saben que lles cómpre deixar que os levante sen facer moitos espaventos para non caer dela. Cunha Marea máis mansa que hai catro anos, transcurriu a pegada. "Onde está o PP?", foi a pregunta da noite.

A uns minutos de aí, no Teucro, os de Domínguez tiñan en marcha a súa Rafaneta con chocolate quente. Pasados uns minutos das doce iniciaron a pegada, malia que a chuvia empezou a caer a cachón. Rueda presidiu o acto canda os principais espadas da candidatura nun acto ó que tamén asistiron Suárez Costa, Jacobo Moreira ou Pilar Rojo. Notouse a ausencia de Ana Pastor.

Tampouco quixo perder o acto o rapaz que hai catro anos propinara unha labazada ó ex-presidente Rajoy cando paseaba pola cidade. De feito, preguntou por el. Foi convidado a abandonar a escena polos corpos de seguridade.

Malia a que caeu, o candidato do PP dirixiuse ó arredor de medio cento de persoas congregadas no Teucro en torno á Rafaneta para darlles unha inxección de entusiasmo e un chocolate, que é unha poderosa fonte de enerxía. Precísana. Os anímos aínda están baixos tralo batacazo das Xerais. Se Tino Fernández non se move para deixarse levar pola corrente a favor, ós de Rafa tócalles nadar a contra corrente. Preocupa a fuga de votos cara Cs, malia que ten ó seu favor que Revenga chegou a útima hora e a ‘xogada’ do que se deu en chamar o ‘partido das persoas’ á súa número 1. E precúpanlles eses 2.900 votos que o 28A recolectou Vox en Pontevedra. Pero os do PP apostan porque nas Municipais o que manda é o candidato sobre as siglas, e precisamente Rafa Domínguez foi dos que se afastou estratexicamente das súas en cuestións como a ampliación da depuradora de Lourizán ou o aborto, e pensa ir porta por porta recordándoo. "En quince días serei o voso alcade", rematou baixo a chuvia. Non levaba paraugas.

Bandeiras e paraugas
Comentarios
ç